Aínda en tempos dunha globalización con concentración parcelaria para moi pouc@s, dunha revolución tecnolóxica para facerse coa bolsa desprezando a vida , de soberanía alugada, de estados de malestar, de liberdades espremidas, do choio dos mercados, da paz guerreira, das fronteiras de tirar e poñer segundo conveña, de farmacéuticas xogando o monopoly coas manciñas, do internacionalismo chauvinista e da democracia a tempo parcial, o cosmopolitismo é refuxio e credo das elites de toda caste, vividor@s de 3,1416 vidas, piratas con Smartphones de oito núcleos pero sen loro, mercenarios a soldo base, politólog@s apolitic@s e defensores dunha abstracta cosmocracia porque xa acreditaron que non chegarán os marcian@s invasores, outra cousa é, que aterrara alguén da estrela Ka51ra5llo, con gañas de muiñada, daquela nacionalistas da galaxia.
Hoxe, sinto o frío e a humidade desta mañá de inverno, e protéxome dela, cunha chaqueta boliviana.
A verdade que é ben abrigosa e ten moito colorido. Parece que chegou a primavera sobre as miñas costas. A súa cor, é coma o “xardín do paraíso”. Si algún día achegades a Bolivia lembrádevos da kantuta, a flor nacional cos mesmos cores da bandeira que representa ao País, a terra dos Aymaras e Collas. Imaxínache centos destas flores derramadas sobre min, pois así me vexo hoxe. Foi un agasallo dos amig@s deste país.
Nas súas altitudes viven e malviven as súas xentes afeitas a tal situación e os que somos de lonxe, e nos achegamos por aló, padecemos das esixencias desa terra, aínda que naquela ocasión unha infección na gorxa agás doutras doenzas coas que convivo, axudaron a unha pequena desfeita na saúde.
Da miña derradeira estancia no Altiplano Boliviano, berce das civilizacións antigas, Wankarani, Chiripa e Tiwanaku e outras que viñeron despois, aínda lembro algunhas cousas das que me aconteceron cando me poño esta peza de abrigo: a baixada do aeroporto de La Paz ata a cidade cunha friaxe pouco poética; a folla de coca (manciña popular) ofrecida no aloxamento pensando que viña co mal da altura; aquel 1º de maio combativo, e logo, só quería deitarme, veu unha doutora e... Non vou facer desta escrita un parte medico.
Unha vez mais, logo da presentación o balbordo da xente, esixía de novo, clarificación,..., nada teño que ver coa chegada dos primeiros españois, nada na miña mente e na miña práctica cos conquistadores Francisco Pizarro e Diego de Almagro, ademais son galego. A miña estadía é dunhas xornadas e a dominación imperialista española tivo unha duración de tres séculos. Talvez, eles, si viñeran tras dun paraíso perdido, pero non para quedarse senon para levar. Seguín a falar a miña maneira da 1ª lei da termodinámica : a enerxía nin se crea nin se destrúe só se transforma, hoxe, en dividendos para as empresas eléctricas privadas e privatizadas. E mais adiante, engadín, xamais participarei en algures con intencións imperialistas, nin agachado detrás de ningunha representación con intereses espurios ou económicos, veño como amigo, irmán, orgulloso do ser humano, aínda que dalgúns non tanto , disposto á solidariedade e ao respecto pola chamada da terra as xentes de cada territorio nacional. Así rematei o meu falar, lembrando a Vladimir Maiakovsky, “a terra coa que compartiches a friaxe, nunca poderás deixar de amala”.
E logo o agasallo da chaqueta, que sempre poño cando teño que facerlle fronte a días como os de hoxe. Que fermoso sentir a chamada da nosa terra que aínda segue fría, pero é a miña, meu paraíso.
Fermín Paz