A identidade é a autenticidade

Quero que ti conquiras o que eu n'hei conquerir: polo enxarnio dos astros a pátria do porvir, minha Galiza chea, comprida, sideral... Um praneta senlheiro, todo limpo de mal! Fermín Bouza Brei A identidade dunha organización é o conxunto de trazos ou características que permiten distinguila doutras. A autenticidade desa mesma organización é a capacidade de demostrar que se é realmente quen di ser.

Por Fermín Paz | As Pontes | 07/06/2023

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
O nacionalismo galego precisou sempre desenvolver con moita clareza estes dous conceptos a nivel teórico - práctico no espazo político, tanto para defender o seu ideario como para acadar un apoio e recoñecemento da sociedade galega e agora o necesitará moito máis, ao converterse na alternativa ao goberno do Partido Popular. Xamais comprendín a necesidade dos cualificativos no ideario e dalgunha militancia para diferenciar o seu, do todo. Como consecuencia desas necesidades de coxuntura dalgúns e dalgunhas, agromaron as diferentes crises no tempo.
 
Abonda co que se fai porque é demostrativo do que se é. Os faceres de cada quen, cando precisan de adobíos é síntoma dunha discrepancia ou diferencia e de aí sempre emerxe a necesidade de clarificación. Compre unha solución entre as diferentes posicións e a exploración dalgunha posibilidade de sínteses. O nacionalismo galego ten experiencia neste asunto. A dialéctica da súa historia contemporánea estivo marcada sempre por quen precisaron engadir as súas teses políticas algunha precisión ideolóxica espacial no eixo esquerda-dereita. As crises sempre tiveron ese denominador, e non é a primeira vez que o manifesto.
 
Boto de menos que ninguén teña dedicado algún tempo a darlle unha volta a esa fenomenoloxía que aínda persiste e ten seguimento nalgún nicho nacionalista. A meu entender é a necesidade política prioritaria do nacionalismo galego nas diferentes expresións sempre e que o punto de encontro sexa: a defensa do principio do soberanismo, a autoorganización e a imposibilidade estratéxica de participar en calquera alternativa estatal.
 
A Galiza soberana precisa que a maioría das galegas e galegos loiten por esta reivindicación e sexa obxectivo prioritario nun Programa para Nación Galega a negociar co Estado e coa Unión Europea, estruturas nas que estamos inxeridos e que non debemos descoñecer. Cando a Patria Galega sexa dona de seu, sería o tempo axeitado, onde as correntes nacionalistas teñan un oco no espazo político desde o que expoñan a orientación que estiman máis acaída. Namentres ese tempo non chega, a diferenciación so é unha necesidade teórica para xustificar a existencia grupal e o que se di ser. O espello sempre é un bo remedio e a mellor menciña para a terapia e a autocrítica. Falar non ten cancelas, facer xa é outra cuestión ben diferente.
 
Trabucar as prioridades na reivindicación e na acción foi (é), unha realidade. Por iso, defendo a construción dun Programa polo conxunto do Nacionalismo Galego e para iso é obrigado o chamado para unificar os seus contidos construídos que deberán apoiar sobre a base dos principios citados con anterioridade. Eu non agardaría polos tempos vindeiros porque nin serán bos para a lírica e posiblemente chegarán con novas dificultades para ás Nacións sen soberanía propia no contexto do Estado Español.
 
Se "os 10 puntos da U" foron un eixo vertebrador e o cerne noutro tempo, tal vez no que temos diante e por vivir, esixiría concentrar esforzos nesta nova tarefa programática e de acción política que, o meu entender, esixen semellantes características de sínteses, quizás a proposta mereza unha oportunidade de quen sinta Galiza e en galego. A súa construción non tería moita dificultade sempre que haxa exploración, mesa onde falar e vontade de acordo
 
A convocatoria de eleccións xerais no Estado Español o 23 de xullo, é unha probatoria para o españolismo con múltiples facíanas no seu numerador (esquerda-dereita "máis ou menos extremada") e co común denominador de sempre (España un só Estado coa súa Constitución), onde queren que tod@s xoguemos no seu campeiro de herba "artificial", feito ás presas, á desesperada e sen escoitar a xente que falou o 28 de maio. A min, nin o PSOE nin o PP, van trabucarme. A miña escolla vai ser outra vez: Galiza e en galego.
 
A teoría política, no seu intento por comprender a realidade, non pode ser allea ao contexto histórico, pero tampouco pode ignorar que determinadas ideas poden "viaxar" dunha época a outra. Aprendamos do noso pasado, actuemos no presente para poder transformar o futuro da Nosa Terra.
 
Sempre haberá algo que perdas incluso cando gañes, pero iso non é o importante. O realmente valioso é ser capaz de tomar decisións en liberdade que axuden a facer posible a idea, o soño compartido por moita xente con gañas e con paixón.
 
¡¡¡ E logo quen teña que chorar que chore!!!

Fermín Paz



A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, durante un mitin / BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.