O PSOE ten a Tézanos como "bruxo" e o PP a Michavila, no mesmo choio. O primeiro dirixe o CIS e o segundo a GAD-3. Ámbolos dous fan prognósticos electorais segundo conveña aos dous partidos maioritarios no Estado Español. Teñen acreditado que saben do seu, a ciencia matemática. Mais coa estatística que é unha pola ou ramal dos mesmos estudos, fan os seus manexos cunha intencionalidade noxenta. De cando en vez pregúntome si é unha necesidade do sistema electoral ou o bipartidismo ten neste facer un asentamento para sempre. Cheguei á conclusión que as dúas cousas son certas. O importante é saber se ten amaño.
A pegada que podan ter no voto as súas previsións a estas alturas da "película" é cativa aínda sabendo que hai xente que sempre xoga ao "cabalo gañador", que os aparatos precisan dalgunha posibilidade de gañar para coller folgos e ánimo, que cada quen escoita o que quere escoitar e que os “videntes” sempre existiron aínda que o seu facer fora do común, nalgún caso, sexa merecedor dalgún creto.
A estratexia vaise desenvolver conforme o que mais conveña nos aparatos partidarios e algunha novidade xurdirá. A miña previsión é que hai poucas posibilidades de variación no resultado. A sorte está botada e o voto decidido agás que haxa algún acontecemento de moita intensidade que poda facer cambiar o sentido da papeleta a depositar nas urnas o 23 de xullo. A campaña está feita desde hai tempo.
Moito se ten falado das vantaxes e inconvenientes da data escollida. Desta vez, a decisión de Pedro Sánchez na noite do 28 de maio foi motivada por unha fuxida cara adíante. A diferencia básica co feito polo gobernador das Galias, Xulio César, na declaración de guerra a Roma, é que o Presidente do Goberno Español fixo unha manobra á desesperada, non tanto para ter máis poder senón para defenderse da posible guerra interna que ía xurdir no PSOE logo do que aconteceu nas Municipais e Autonómicas.
Nin ese obxectivo vai acadar. Vai perder as eleccións e a crise interna só terá un aprazamento. As listas dos candidatos/as tampouco van servir como freo para implosión interna. Forma parte de dita manobra defensiva para dificultar que o novo liderado poda xurdir dende quen son participes ou colaboracionistas da estratexia deseñada pol@s que teñen o temón do PSOE.
Sei o que vai supoñer un goberno da dereita española e teño a obriga de preguntarme e preguntar, se a causalidade que provoca o seu ascenso non é atribuíble os seus méritos na oposición, non sería unha necesidade analítica explorar no que fixeron os demais? Quero clarificar que non é a situación mais desexada por min, mais tampouco conformarei cunha critica sen fundamentar.
O das inercias que veñen de fóra teñen pouca potencialidade. No terreo discursivo á dereita extrema +extrema dereita, a retórica do antifascismo ou a apelación ao medo a que a extrema dereita ingrese nas institucións non será suficiente para atraer a sectores desmobilizados, e pode rematar incluso favorecendo electoralmente á dereita tradicional, como xa se viviu en procesos electorais xa celebrados, como Andalucía e Madrid. A esquerda española vai necesitar unha recomposición con fondura e con tempo. Os novos liderados van xurdir de marcos interpretativos da realidade que conecten coas necesidade sociais dun sector amplo de cidadanía que se sinte e quere ser só española. Un día a voltas coa clase media, o dia seguinte cos de abaixo, outro dia coas grandes empresas e o seguinte poñendo “a caldo “ a quen as dirixe; a relacións con Marrocos e o golpe de temón contra o pobo saharauí; a relación e as declaracións co soberanismo nas nacionalidades históricas sen resolución no eixo progresista-conservadorismo como se quixo facer críbel nesta lexislatura que rematou, etc...
As medidas conxunturais dos martes no Consello de Ministros/as non foron quen de deter a caída. A esquerda vai confrontar, de novo, as propostas socialdemócratas de sempre coas da outra esquerda, e na resposta a que cheguen aos asuntos citados con anterioridade e moitos outros como a precariedade e da anemia social crecente, xurdiran novas contradicións e alineamentos cara a outro ciclo bipartidista con algunha que outra novidade.
Non podería rematar sen facer a miña previsión de resultados. Como citei no comezo a Tézanos e a Michavila, vou xogar ao mesmo que fan eles e vou facer o meu prognóstico para o 23 de xuño. Está baseado no que escoito falar arredor de min, xente do común, sabedora do que está a pasar e que cando tomamos un café, falamos de todas estas cousas en liberdade e sen tratar de confundir a ninguén. Aí vai :
BNG 3-4; ERC 7-8; EH Bildu 5; CUP 1; SUMAR 35-36; PSOE 97-100; PNV 6 ; JUNTS 7-8; C. CANARIA 1; PP 145-148; UPN-1; VOX 38-40.
Se non acerto nas miñas previsións, saberei recoñecer o meu erro e desculparme diante de vós. Xa miraredes o que fan eles, seguramente empregaran o tempo e as súas ferramentas de comunicación para xustificar un comportamento electoral imprevisíbel pola desviación nas súas proxeccións.
Fermín Paz