O voto é unha ferramenta ao servizo da razón e dos sentimentos. As eleccións non deixan de ser unha suma de vontades, aínda que, teñan trucaxes de partida. Á competencia sempre é imperfecta e no remate do proceso, dúas mas dúas para algunhas organizacións, suman sete. Só teño un voto e aproveitareino para darlle á utilidade na que acredito. Á miña escolla no vindeiro proceso electoral, foi feita logo da seguinte análise,
¿Cantas veces preguntámonos, fun, ou leváronme?¿Cantas veces cambiamos o noso voto por esperanza?¿Cantas veces deixamos facer?¿Cantas veces o dá igual converteuse en filosofía?¿Cantas veces deixamos as rendas das nosas vidas en mans sen pegada?¿Cantas veces? ¿Cantas?
Unha vez máis seremos chamados a delegar e unha nova pregunta que engadir. ¿Algún dia, chegará unha resposta? A confianza na saqueta chea de vontades incumpridas rachará con expectativas, con previsións, con razoamentos, namentres @s mandaríns de sempre aínda seguen co seu, seu,...,
Acomodáronse. A súa visión no mesmo eixe deixa a percepción da realidade con trucaxe e os seus ollos seguen sempre as mesmas indicacións da súa razón murcha. Do centro á dereita ou á esquerda fose fin do camiño, ideoloxía ou elección, así era a xeometría política da construción que se forxou na transición e materializouse en comportamento disque de non ver abaixo. A crise, fixo a denuncia, só miraban cara aos seus pés para non bicar ao chan.
De súpeto, todo parece pernas arriba. E mentres o de abaixo, emerxe, os de sempre seguen a turrar coa súa visión nubrada, distorsión de cristais raiados, gretados, vellos. A realidade sempre foi unha espiral. Abondaría con esta explicación sinxela, pero seguen coa súa festa e a música deu paso á traxedia do abandono para expresar sentimentos gardados, calados no silencio do poder
Agora dan voltas sobre si mesmos no baile da buxaina, sen imaxinarse no chan por moito tempo, acreditan pouco na razón e moito na tripeirada da súa utilidade para darlles licenza catro anos máis e a corda lanzadeira do apoio electoral fica rachada polas “cantas veces”
Agora a perspectiva do arriba e o abaixo que nunca foi considerada pola ciencia das enquisas e da ortodoxia dunha soa dimensión, aparece no escenario para rematar coas verbas sen contido e seica, para darlle sentidiño á cousa pública. Gustaría, dunha lección maxistral da veciñanza que acredita dunha limpeza democrática
Non é doado interpretar a nova partitura pola orquestra do afundimento. Tocan sen desmaio. A súa teima é seguir, de aí a descualificación, o insulto en toda a escala natural do clan ao que pertencen. Onte sentino deste xeito no baile das costumes de tantas e cantas veces. Hoxe, a forza dos acontecementos afúndeos un pouco máis na súa Icaria desexada do arriba. Prepáranse para o rescate desde o Centro Recentralifederado da Imposición (CRI). O seu instinto de conveniencia faralles virar e revirar de novo á dereita, ao centro ou á esquerda para sobrevivir, ¡coidadiño!, eles non afogarán,
A dialéctica deixará de novo ao descuberto a principal contradición na nosa terra, non abonda co abaixo en confronto co de enriba. É un atallo sen saída. Terán que recuar. Precisamos da nova música da gaita que se faga oír na xordeira do resistencialismo. A diversidade nacionalista é unha suma non un atranco
Esta tería que ser, é, a elección, de tantos e cantas que se senten ceibes para ser e para decidir. Só quixen achegarvos unha posible resposta e que ledicia sería escoitar o chamado dos bos e xenerosos, ¡ galeg@s!, a terra precisa dun proxecto concreto de nación, construïámolo entre tod@s
Fermín Paz