Vou lembrar e recomendar aos mais novos a lectura no tempo de lecer da Antoloxía de Mario Benedetti "A vida, ese parénteses". Nela atoparedes un poema onde pregunta que tarefa ten por facer a mocidade?. Un anaco dalgún dos seus versos, vai no introito deste artigo.
Todo deu comezo tras desa mínima fracción de segundo logo de producirse o Big Bang. A partires dese inicio onde se formou a materia, o espazo e o tempo, hai unha descrición mellor ou peor dos acontecementos no cosmos, e dicir dos 13.800 millóns de anos que transcorreron desde entón. Dito fenómeno é o pasado contado de moitas maneiras e con avais da ciencia, a historia ou as crenzas de cada quen. O feito, tivo e ten variadas interpretacións, mais grazas a el, temos un presente, co seu enriba e abaixo, para darlle continuidade a este relatorio da triada inicial (materia-espazo-tempo), e con toda seguridade será tamén, o salvoconduto para chegar o futuro.
De nada sirve querer deter esta evolución. Está secuencia foi (é) unha prolongación enerxética e nas miñas entendedeiras e por lóxica, terá un remate. Eu, imaxino ese instante do revés a como xurdiu, subsumíndose, decrecendo, morrendo. Namentres non chegue ese instante, a continuidade foi (é) necesaria. Grazas a dito proceso dialéctico, tod@s tivemos, temos e teremos un pequeno pouso aínda que os pillabáns de toda caste, condición e clase, quixeron negarnos ou privarnos dese Dereito e seguen a facelo. A Einstein, seguramente gustaríalle este cualificativo sen entrar en moitas máis disquisicións filosóficas-éticas ou políticas.
A mocidade debe ter o mesmo rol evolutivo nas organizacións político-sociais. Ten o dereito a construír o seu futuro, tanto individual como colectivamente. Por iso están obrigados a actuar no presente sen descoñecer ou esquecerse de todo o proceso natural descrito con anterioridade. É os demais, quen fomos mozos e mozas, noutro tempo, debemos depositar a confianza neles para dita tarefa porque non hai outra alternativa viable. Ou continuidade ou caos.
Mais o futuro non pode illarse do contexto dun territorio concreto, dunha ideoloxía e dunha maneira de organizarse para acadar, cando menos, algúns dos obxectivos. No mes de maio, tiven unha nova experiencia na convivencia coa candidatura das eleccións municipais polo BNG no Concello de As Pontes. A maioría deles é xente nova, formada, que reborda ilusión e gañas de facer. Aínda que só poda falar por min, aprendín que, o futuro ten novas claves ás que deberíamos todos darlle unhas cantas voltas, na procura de entender mellor o que está a pasar. Hai novidades no marco social que merecen ser analizadas, debatidas e ter resposta na acción política.
-Por que os vellos teñen máis e mellores posibilidades para enfrontar a vida?,
-Por que unha mellor formación non supón a posibilidade dun traballo digno.
-Por que os cambios culturais non teñen base nas nosas costumes e cultura?,
-Por que quen critica non se mira ao espello antes de dar leccións de balde?,
- Por que a UGT en Endesa asinou o V Convenio Colectivo, sen consultar aos traballadores e traballadoras?,
-Por que hai beneficiados e prexudicados coa globalización?,
-Por que os do PSOE das Pontes teñen tantos votos prestados de quen noutras convocatorias electorais votan maiormente polo PP?,
-Por que esta democracia necesita reformas?,
- Por que a Constitución Española diferencia o concepto Nación de Nacionalidade?,
-Por que na Constitución Europea só teñen recoñecemento os Estados e non as Nacións?,
-Por que o funcionamento das Institucións públicas e das organizacións políticas e sindicais, ten tantas imperfeccións? Cales delas son sistémicas?
- Por que as cidades artificializan as súas estruturas e reducen a biodiversidade do territorio?,
- Por que non é posible unha alternativa diante do abandono e o despoboamento do rural, e a conseguinte desfeita do marco natural e socioeconómico?,
- Por que Galiza é unha potencia forestal con especies alleas cando podía estar producindo madeira de calidade?
- Por que a instalación indiscriminada dos parques eólicos deixa unha paisaxe fragmentada, con illas biolóxicas sen continuidade, e a súa construción rebenta os montes e os camiños de terra e no mar?,
- Por que a aprobación da planificación e ordenación do espazo marítimo para instalar aereoxeneradores eólicos pode ter un impacto semellante no sector pesqueiro?,
- Por que o nacionalismo galego fai máis esforzo nas súas loitas cainitas antes que agrandar o seu espazo político e consolidarse como principal alternativa o Goberno do PP ?,
- Por que As Pontes perdeu a capacidade de evacuación dos 1400 MW da Central Térmica?,
- Por que as relacións internacionais de hoxe teñen como base o unilateralismo, a imposición política, económica ou militar?
- Por que a Real Academia Española é tan agresiva coa oficialidade da toponimia galega e da cobertura a nova provocación do españolismo?
-Por que a transición xusta é un eufemismo novo da reconversión industrial no sector enerxético?,
- Por que as condutas antisociais (desde o punto de vista da sustentabilidade) non son aplicábeis a todos aqueles comportamentos que no sexan universalizábeis?,
-Por que a indefensión vai medrando fronte as Corporacións públicas e privadas e ao mercado?,
-Por que non funcionan, ou o fan malamente, os mecanismos de control do Estado?,
-Por que estou obrigado a formar parte de algo que non funciona?
-Por que non podo decidir libremente a miña autoorganización social e política?
Agardo que a mocidade, ademais de ser protagonistas da trama, do nó e do desenlace destes novos tempos, teña tamén a capacidade para escoitar os consellos dos vellos (como en calquera tribo ou nación ) e aproveitarse de todo o que consideren axeitado de cara acadar a prioridade estratéxica na Nosa Terra e os seus moradores, decidir libremente sobre a seguinte cuestión: seguir sendo unha Autonomía dependente do Estado Español ou ser unha Nación soberana.
Non teño presa, vou amodo. Non preciso chegar a ningún outro lugar. Estou onde quero estar e non agardando, sen máis que chegue o remate.
Adiante e ánimo na continuidade!!!
Fermín Paz