Fai pouco tempo presentou , xunto co seu colaborador no proxecto, o Instituto Paúl Scherrer, un traballo diferente de tipo exploratorio que sitúa ás políticas enerxéticas en dous escenarios posibles : o escenario Jazz, máis descentralizado, e o escenario Sinfonía, máis "orquestrado". Calquera dos dous, debuxan situacións de moitos problemas. Cando souben de tal cousa, lembreime dos debates nas comisións de festas da nosa terra, sobre cal é a mellor orquestra, a París de Noia ou a Panorama.
A outra forma de seguir soñando, as lembranzas. No azul francés iniciei a travesía dalgún dos meus soños en barco con dereito a pasaxe para tratar de acadar que a enerxía tivera unha dimensión social. A xente precisaba dela no seu vivir e ademais, facelo con dignidade. En terras moi ao norte, entre a emerxente edificación capitaliña onde o San Lorenzo negocia no mercado dos reflexos cristalinos, quen sabe cantas cousas con prezo concreto e valor abstracto, cheguei a un dos meus portos de arribada.
Catorce anos, foi tempo dabondo para condensar sentimentos en bágoa compañeira, na despedida daquela viaxe. Sempre na compaña de boa xente, anónima de principio e amizade, ao fin. Pero así son as cousas, cando te sentes parte de algo no que axudaches na súa construción e no seu desenvolvemento.
Valeu a pena malia os claroscuriños de calquera choio e de ter que convivir con quen só conxuga en primeira persoa.
A formación-educación actual proxecta roles predeterminados de xénero. O “eu” ten tendencia masculina. Escoitar sempre é unha oportunidade de aprender e as mulleres, practícano máis. Naquel día, puiden escoitar a unha delas que representaba a moitos homes. Explicounos a “cociña” dos asuntos enerxéticos polas potencias do mundo e o poder real. Na seguinte xornada, a lúa e as meigas, poida que axudaran á que outra muller, en nome daquilo que sentiamos noso de seu, non de propiedade, puxera proa cara a unha nova travesía.
Agradezo as explicacións razoadas e a fuxida do divismo. Gústame o vangardismo de Einstein. Chegará o dous mil cincuenta e xa están a ensaiar un concerto de música de jazz, aínda que, a nosa proposta foi que soasen as primeiras notas da sinfonía do Novo Mundo de Dvorák. Imos cara un escenario tráxico de seguir na perspectiva enerxética deseñada na “cociña” da que falei. Eu, chamaría á calquera dos dous escenarios, Mahagonny, en homenaxe a Bertolt Brecht. Precisamos un escenario diferente para as políticas enerxéticas.
Os días veñen con oportunidades para reconfortarnos no vivir. Novecentas cincuenta e sete razóns temos para reivindicar cambios nas políticas enerxéticas deseñadas hoxe, para mais riqueza duns poucos, menos enerxía para quen non poida pagala á prezos foguete e crise mundial do medio ambiente provocada por unha explotación ilimitada dos recursos para atender as necesidades dunha poboación ilimitada, por un tempo indefinido e de xeito desigual.
De súpeto, a lembranza de Yoko Ono e John Lennon que naquel mesmo lugar, o 26 de maio de 1969, encamados, celebraron o seu Bed In, denunciando a guerra e facendo un chamado á paz nun mundo diferente.
Seguirei soñando, e mentres non saiban como chamarme quedareime sen nome. Manteño a ilusión porque o dia mundial da enerxía sirva para algo, cando menos para tocar a música que desexo escoitar. Participemos no debate, esixindo cambios no deseño feito.
Remato coas lembranzas naquelas xornadas no Quebec. Na cidade de Montreal a despedida coas amizades coas que compartín un desexo, non foi outra que, chegar a ser países novos no escenario internacional do século XXI. ¿Que facer?, preguntábame na volta. As veces a resposta está no vento. Outras, na fusión das ideas e dos esforzos. Temos que transformar os desexos en realidades e as ideas en feitos, segundo nos falou Castelao
Mirade con coidado no cantil do pasado e logo, axudemos á construír un novo escenario na Galiza. Hoxe, malia á continuidade das cousas e da vida, é tempo de quen queira construír un proxecto de nación, de arriscar en proveito da nosa terra, da súa xente e dun mundo mais xusto e no que poidamos vivir.
Un, dous, tres e… música, con vostedes os Petapouco do Chivirido.
Fermín Paz