Rematou o proceso electoral, comeza o debate. Terei que dar unha volta pola taberna e escoitar o que se fala. Para min só existen dúas posibilidades. Reeditar un goberno presidido por Sánchez negociado a moitas bandas ou novas eleccións. O PSOE ten moito que afinar na negociación para recuncar. Xa ten experiencia acumulada na lexislatura que rematou, pero o acordo non vai ser doado porque vai a ter esixencias que poñerán a proba a Constitución Española e o seu Partido.
O liderado de Sánchez non está en crise. Cando menos, vai ter unha moratoria. Do mesmo xeito que Feijóo. O seu protagonismo nos vindeiros meses está garantido e non vai entrar no debate. Máis adiante xa miraremos
Dándolle voltas o que quería contarvos, pareceume axeitado o título da cabeceira, un tema do grupo musical "Gabinete Caligari", porque sintetiza moi ben o que pasou nas eleccións deste 23 de xullo: o desamor entre as esquerdas e as dereitas españolas, con referencias á linguaxe taurina, foi o marco no que desenvolveu a campaña electoral.
Na escola de Tezanos (que xamais actuou por libre), a min non me confundiron as súa previsións de resultados. O salientable foi que ía deixándonos sinais da estratexia aprobada polos que mandan no PSOE. Deixarei proba dalgunha delas: a derrota sempre se poderá xustificar; hai que manter a ilusión; diante da imposibilidade de gañar, o obxectivo é embarrar o que sexa posible porque a realidade non existe, é unha ficción máis; a verdade ou a mentira conforman unha dialéctica inexistente, o importante son os nosos obxectivos; a dereita é un perigo para a democracia, se gañan, estaremos mortos politicamente un tempo ben grande. Este é un pequeno reconto das ideas-forza no seu "maxisterio", que tanto Sánchez como a dirección do PSOE foron desenvolvendo ata o sábado 22 de xullo. Unha boa parte do electorado votou nesa clave do confronto.
Logo das louvanzas e meritorias cara o PP, por gañar no proceso electoral deste domingo 23 de xullo eu non o vou facer. Gañaron, pois que gobernen se acadan os apoios para facelo e logo xa falaremos. Eu vou dedicar o meu tempo a darlle unha volta a outras cousas.
A campaña deixará moito pouso polas trapalladas que fixeron tanto uns como outros, tanto de fronte como agachándose nas redes e en todos os demais contubernios de apoio, conveniados polo interese mutuo, tanto nos xornais, televisións, emisoras de radio, etc... Tamén haberá algún axuste nos afectos. A foula e algúns sentimentos avariados non son patrimonio exclusivo das tabernas. A vida non deixa de ser unha escola permanente, ilimitada (na súa extensión) e indefinida (no referente os asuntos tratados), sempre que saibamos aproveitarnos das súas ensinanzas e da nosa experiencia para non deixarnos engaiolar polas vellas e novas técnicas e tecnoloxías.
Haberá variadas interpretacións e hai que deixar pasar o tempo para axustalas co que vai acontecer. A reforma legal do armazón constitucional non deixa de ser unha ilusión no contexto de hoxe. Non hai capacidade democrática para promover unha alternativa deste calado desde o poder representativo.
No eixo dereita-esquerda non se pode decidir libremente o camiño para a soberanía dunha Nación diferente a Española, no mellor do casos, como comprobamos, chegamos a unha rotonda sen saída. Quizás sexa unha das grandes claves dos resultados electorais. Queren saber o que se vai facendo e senón hai posibilidades dunha gobernanza, votar de novo antes de rematar 2023.
De novo e adrede retomo o asunto da escolla musical. Ademais da versión orixinal podedes atopar outras como a de Manolo Escobar (1996) e inclusive unha "House" (na cara B do mesmo disco). Tanto na música como na política, o tempo é moi importante porque permite escoitar o mesmo tema, dun xeito diferente. Fago un convite aos do PP, PSOE, VOX, Sumar e outros a facer súa algunha delas, coa que máis se identifiquen.
É mellor ver estes acontecementos con naturalidade. Non é mérito de Feijóo nin do PP o trunfo deles. Como dixen nalgunha ocasión, a vida ensinoume que as veces o demérito é unha causa que debemos considerar nas análises. De aquí para diante as dificultades seguirán presentando as súas credenciais. Da envolvente na que estamos metidos só se sae abrindo as portas, deixando que entre o aire, clarificando as ideas e combatendo por elas.
Non deixedes de rir, de cantar e de loitar namentres teñades gañas, compromiso e forza. Ánimo e adiante!!!
... A culpa foi do Cha-cha-chá
Si foi do Cha-cha-chá
Que me volveu un caradura
Pola máis pura casualidade
Saímos pola porta do night club
Colleitos da man para celebrar
O triunfo verdadeiro
Da arte toureiro e do cha-cha-chá
Que nos uniu para sempre
Sentimentalmente por casualidade
Por iso a culpa foi do Cha-cha-chá
Eu sei que a culpa foi do cha-cha-chá
Por iso a culpa foi do Cha-cha-chá...
Fermín Paz