Prendido e torturado pola PIDE, foi liberado en 1973 e de inmediato retomou a súa actividade militante no entón Sindicato dos Electricistas de Lisboa (hoxe SIESI), dando unha contribución inestimábel para a organización dos traballadores das industrias eléctricas. Após o 25 de abril, foi o primeiro coordinador da Intersindical Nacional.
O día rianxeiro ía de retirada e a noite anunciábase polo leste. Mentres tanto, o ruxe-ruxe da mecánica dáme conta da chegada da Maroliña, co seu ventre fendendo na auga mesturada dos mares, remexendo os brancos osixenados no azul verdoso do fondo. Os nerviosismos da clandestinidade deron paso á complicidade, enchéndonos das nosas vivencias. Aos poucos, fomos achegándonos ao destino.
Porto non se presentou ante nós, apareceu de súpeto. Sen barullos e con moi poucas luces, deixou ao carón protocolos ingleses e acolleunos non seu barrio de Boavista. A noite deunos acubillo co seu manto e a ave fénix invitounos ao Xardín do Paraíso para tecer lazos como os pétalos da rosa. Pola xanela sentimos o silencio do cemiterio onde acotío a cidade lembra a realidade da vida. Abertas as súas portas, déixanos camiñar polas interioridades e coa compaña dalgunha da súa xente.
Aínda lembro as leccións de historia polas rúas na encrucillada da estación ferroviaria de Campanhã e o traballo na impresión das follas tan necesarias para a liberdade. Camiñando xuntos, abrindo os nosos ollos e sentidos no mercadillo de antigüidades, nas tendas de calquera cousa, nas librarías onde de cando en vez nos xuntabamos, entre beleza e cultura, recreándonos nas posibilidades de estratexias na torre dos Clérigos, na actividade de Santa Catarina e no Mercado do Bolhão, gardándonos das fotografías dos “turistas”.
Agora a dependenta arxentina con medos confesábeis, a música de Cat Stevens na baixada ao río desde a estación de São Bento cos seus vinte mil azulexos, mais con moitas menos posibilidades de acollernos nos seus adentros para agochar o compromiso das publicacións rematadas.
Na ribeira do norte, mentres os visitantes poboan a explanada, o sol dá mostras do seu poderío na primeira ocasión que lle deu o calendario dun abril tan querido nesta terra.Tanta fermosura merece a contemplación na sentada, sen desatender o que se nos ofrece baixo pseudónimo de anfitrión cubano con xornal español prendido da man. No reloxo, as 14 horas precisaron da resposta obrigada, as 10,10 do convenio e chave para un xantar de fraternidade, con cheiro e sabor de polbo e bacallau.
Non deixamos nada ao libre albedrío e, cando soubemos da chegada dos indesexábeis, só escoitei un falar tranquilo: seguide co xantar e lembrade o que cada quen debe facer no caso de que nos avisen, “de que estamos convidad@s”.
Conducidos polas mensaxes tecnolóxicas, seguimos coas nosas cousas na sombra do parque circular con centro monumental onde o león sobre a aguia moribunda representa o paso do tempo (antes o bélico, agora da crise capitalista).
De novo fun dar unha volta pola redonda. A Casa da música na praza con deseño modernista orienta o noso camiñar pola grande avenida do barrio, aínda con algunhas casiñas das cores de sempre. Imos na procura das amizades até á casa señorial con xardín interior, hoxe reconvertida en espazo de lecer, mais os adxectivos daqueles tempos non conseguen abrir as súas portas pechadas, nas que acreditan os seus moradores que están a pasar mala maré.
Sempre hai que ter unha alternativa. Unha mensaxeira do adrede fai máis doado o reencontro. Cea na casa Agrícola, casa centenaria da antiga Quinta de Nosa Señora do Bo Suceso, na rúa que leva este nome: boa cociña portuguesa tradicional, mellor compaña. Que máis podemos pedirlle a este día de fartura que xa obriga á despedida cun brinde sentido naquela plenitude de tempos pasados e, non sei cantos poemas despois, ao descanso merecido?.
Fermín Paz