A espera con esperanza

Sabina afirma na letra dalgún dos seus cantares que as salas de espera dos hospitais son espazos onde se perde a esperanza. Estou convencido do contrario porque cando nos vemos obrigados a dar unha volta por aló, só nos queda o confiar en saír en mellor situación da que nos levou ata eses terreos. As esperas, ás veces son unha caixa de sorpresas e outras non achegan ningunha novidade, só o esperado.

Por Fermín Paz | As Pontes | 07/08/2023

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Xa teño contado que desde hai tempo teño que facer visitas obrigadas por que as veces a vida ten esas esixencias e, nese ir e vir, sempre tiven esperanza. Quizás foi por pensar e sentir que a súa perda, deixábame sen alternativas. Logo da prorroga vital  manteño a confianza, grazas as equipas médicas que me atenderon e seguen a facelo no Servizo Galego de Saúde 
 
A seguranza que o  meu ser e estar terá un remate máis cedo que tarde, non fai aniñar en min ningunha desesperanza polas mesmas razóns e sentires. Sei o que hai e agardo, poder gozar dalgún tempo máis, facendo algo de proveito. Cando a miña saúde non atenda a miña solicitude, conformarei cun sorriso galego na despedida,  semellante o etrusco (tan ben debuxado por Xosé L. Sampedro), se acaso, dito xesto ou acción será un reflexo con algunha cativa diferencia, xa que a maneira de sentir as emocións que xorden do meu vivir e das miñas lembranzas coa neta, os amores compartidos, a familia, as amizades e a Terra non teñen que ser os mesmos que os de Salvatore Roncone, porque os sentimentos ademais dun certo parecido, teñen a súa especificade. Así de sinxela é a miña alternativa para este asunto  de tanta complexidade, mais aparente que real, para a maioría da xente. 
 
Hai quen está a vivir con moito desacougo o tempo de espera logo do proceso electoral do 23 de xullo, por non ter ningunha certeza do que vai acontecer. Segundo vou escoitando, a maioría das organizacións políticas manteñen algunha esperanza en acadar os seus obxectivos. Non vai ser doado para ninguén. Mais,  non teño dubidas que a espera vai ser moi clarificadora. 
 
As alternativas que están a manexar para a formación da gobernaza no Estado Español basicamente concéntranse en tres posibilidades:
 
1ª.- O PP non vai ter os apoios parlamentares necesarios para que o seu candidato poda ser investido, cando menos de primeiras. 
 
2ª.- Hai unha porta entre aberta para o candidato do PSOE, mais está obrigado a negociar a moitas bandas e non vai ser doado que todos os apoios necesarios empurren na mesma dirección, tanto nas posíbeis tentativas, a maioría absoluta ou máis votos a favor que en contra na segunda volta.
 
3ª.-  Novas eleccións antes de rematar 2.023 para que o electorado resolva de novo a ecuación. 
 
É verdade que  existen algunhas máis, inclusive hai quen rebusca nunha entendemento entre os dous partidos maioritarios ou nunha posible intervención do Rei, baseándose na defensa da Constitución diante da posibilidade de que o proceso negociador remate con algunhas concesións, sen cobertura legal. "O que faltaba" foi un Bar que houbo no meu pobo e non o digo con segundas intencións senón con primeiras. Eu, tampouco descarto algún imprevisto. 
 
Centrando a análise na segunda posibilidade. Hai quen acredita que a saída vaise producir no eixo do confronto esquerda-dereita. Outros pensamos que a resolución da gobernanza no Estado Español vaise producir na dialéctica das relacións españolismo-nacionalismo, xa que de non producirse avances xurídico-políticos cara a resolución da contradición que supón impoñer unha única soberanía nacional a todas as demais existentes no Estado seguiremos a darlle continuidade, cando menos en parte, á herdanza "do atado e ben atado". Neste suposto as portas dun goberno de Sánchez posiblemente seguirán pechadas.
 
Agardar pola xestión que van facer as diferentes organizacións políticas dos resultados acadados por cada unha delas, non me leva a desesperanza. Namentres Feijóo disque vai falar con todos, Bolaños defende a discreción nas conversas e publicidade nos  acordos. Eu, vou facer un exercicio de sentido común. Supoñendo que a maioría votou coa perspectiva de que as cousas vaian a mellor e que as organizacións políticas coincidan nesa premisa, só terían que explicarnos cada unha delas e agora, o que van facer para que iso poda ser valorado por nós mesmos sen intermediarios. Deberiamos ter en conta que, o  "o mellor" non deixa de ser un subxectivismo cun significado moi diferente en cada un de nós. 
 
Sempre tiven claro que votar non é unha delegación permanente nos representantes elixidos. Eu non conformo con votar e agardar ata a seguinte convocatoria para ter a posibilidade de corrixir  a representación. Seguir á espera do que fan ou deixan de facer non é unha alternativa para min. Quero estar informado das grandes decisións para poder votar de novo, antes de facerse efectivas. A proposta non é coxuntural porque senón sería oportunista. É merecedora dunha análise e dunha proposta lexislativa. 
 
A democracia española non pode seguir enxugada na Constitución de 1978 e das  organizacións políticas. Atopámonos diante dunha grande decisión que debe ter outro tratamento a nivel informativo. Hai que debater os argumentos de uns e outros para atopar na razón a fonte para salvagardar a liberdade en tódalas as súas expresións, a independencia e a necesaria protección do interese público. 
 
A democracia necesita desta ferramenta para non seguir a  empobrecer  a participación cidadán. Moita xente defende que primeiro hai que votar para logo poder esixir, mais logo ninguén concreta a maneira de facelo. A alternativa deberá ser abrir as cancelas. Sería bo, que a TV pública propuxera un debate cos representantes de todas as organizacións que obtiveron representación para fixar a súa posición e seguidamente, outro, cos  dous candidatos que son depositarios da confianza dos demais para que informen como van a xestionar a situación, antes de facelo ou se somos chamados a votar de novo. O asunto fundamental será ese e non calquera outro se hai novas eleccións. 
 
As  TV privadas non deberían ficar ao marxe deste debate necesario. 
 
Hai quen conforma con votar e non lle da mais voltas mais a democracia non pode ser tan reducionista e asentarse só no exercicio de votar cada certo tempo. Hai moita teoría sobre este asunto e o sistema está preso de tal maneira que, no mellor dos casos, a rendición de contas só se fai nas Institucións e nas organizacións políticas atraveso da súas estruturas e daquela maneira. 
 
A nova fenomenoloxía política ten moito  que ver con este asunto concreto.
 
O populismo ten compoñentes recoñecibles como a simplificación e a polarización. Sen máis e mellor información e participación, achegamos a pasos axigantados a narrativa orgánica e do liderado único. O populismo é un ameaza para a democracia; compite con ela no sentido e a práctica da representación xa que instrumentaliza unha identificación aparentemente máis "natural" entre os representados e os representantes. Estou obrigado a facer unha distinción entre movemento popular e populismo e, ao mesmo tempo, reclamar que é necesario facer avances lexislativos na relación obrigada entre os representante cos representados. A distancia existente na actualidade e moi longa.
 
Teño escoitado moitas veces que as derrotas xamais son definitivas. Lémbrome agora de Saramago e Pepe Mugica. Podería facerse tal afirmación para as vitorias, co mesmo razoamento porque se alguén gaña ten que haber un perdedor. Desde esta lóxica, non remato de entender como non é posible un Regulamento en todas as Institucións para conxugar doutro xeito a gobernabilidade e a labor da oposición. Dito impulso debe saír por quen ten o poder xa que mais cedo que tarde, rematará cedendo a súa posición ao contrario. 
 
Acredito na política para mellorar as condicións de vida da xente e agardo este tempo de dezanove días e cincocentas noites de espera con esperanza. 
 
A realidade pode ser descrita de moitas maneiras  tanto na política como na arte ao marxe dás tradicións de sempre. No 2.016, Bob Dylan foi o Nobel de Literatura. 

Fermín Paz



Plano xeneral da Cámara / CONGRESO

Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.