Rato, do ceo ao inferno

Rodrigo Rato pasou de estar nos ceos do establishment a formar parte do inferno no que habitan os presuntos delincuentes de luva branca.Acumula un catálogo de graves imputacións que lle proporciona un lugar destacado nese selecto club dos indesexábeis:fraude fiscal, branqueo de capitais e alzamento de bens.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/04/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
 O ex -ministro de Aznar foi considerado durante moitos anos o principal artífice do “milagre” económico español, ese singular modelo de crecemento baseado na especulación inmobiliaria, o crédito barato, a desregulación financeira, o espectacular endebedamento de empresas e familias  e a diminución indiscriminada de impostos.A pesar desa xenerosa avaliación difundida polos seus numerosos admiradores (non esqueceremos nunca aquilo do “mellor ministro de economía da democracia”), non resultou agraciado na designación dixital para encabezar a candidatura do PP nas eleccións de 2004.Tal vez por iso preferiu tomar distancia da política española e conseguiu ser nomeado director xerente do FMI.Colocado nun dos centros neurálxicos do sistema financeiro internacional, non foi quen de completar o seu mandato e dimitiu –por razóns nunca suficientemente explicadas- en Xuño do 2007, poucos meses antes de que estoupara nos USA a crise das “hipotecas subprime” e comezara unha treboada económico-financeira que provocou graves consecuencias nas condicións de vida de millóns de persoas en todo o planeta.O abandono anticipado do seu cargo no Fondo permite pensar que Rato foi coñecedor da burbulla que se estaba xestando e non foi capaz –ou non quixo- facer fronte a semellante “tsunami”.Daquela, houbo poucas análises críticas sobre tan sorprendente fuxida que, ademais, deixaba en mal lugar ás propias autoridades políticas do Estado español.A pesar de que a súa aventura americana non daba para iso, regresou como un triunfador e rematou por atopar acubillo nunha entidade financeira tan singular como Cajamadrid.O seu perfil era o mais adecuado para facer realidade unha vella pretensión dos dirixentes do PP:construír un gran Caixa mediante a fusión con Bancaja e Caixagalicia e administrar un instrumento de poder económico tutelado por Esperanza Aguirre que fose quen de neutralizar o estatus acadado por La Caixa e as demais entidades catalanas.
 
Co “affaire” de Bankia –cartóns negros incluídos- Rodrigo Rato completou a súa fraudulenta traxectoria como xestor público.O botafumeiro dos dirixentes do PP seguiu funcionando para limpar o currículo de alguén que figuraba no olimpo dos deuses daquel aznarato que quixo recrear o mito da España imperial.Os novos episodios que agora se coñecen certifican a evidencia que algúns tiñamos dende hai tempo:o xigante Rato tiñas os pés de barro.E as mans cheas de lixo.
 
O PP pretende cadrar o círculo vicioso no que está mergullado, insultando a intelixencia de moita cidadanía indignada.No canto de recoñecer que Rato é un síntoma da filosofía política dominante nese partido nas últimas décadas, quere facer da necesidade virtude e presentar o caso como unha demostración do bo funcionamento das institucións que administra o goberno Rajoy.Se puideran, Guindos e Montoro queimarían as hemerotecas para borrar o seu pasado de colaboradores directos  do superministro económico.Non teñen estatura moral para dimitir.Nin sequera serían capaces de visitar no cárcere ao seu vello mestre e amigo.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.