Os xabarís están a pasear pola Coruña como uns turistas máis e a Alcaldesa da cidade afirma que non están empadroados; en Waterloo estase a negociar a paz entre os combatentes españois e cataláns sen esquecer a Napoleón polas eventualidades que podan xurdir; Rubiales tivo recoñecemento en Australia pola súa "espontaneidade" máis que polo talento e capacidade; Sánchez non vai a India porque a esquerda española non quere deixar só a Xi Ping na súa consideración do G20, como unha plataforma cun valor e unha eficacia decrecentes a nivel mundial e a derradeira deste introito, o árbitro pita córner... e sobe a rematalo un can durante un partido no Perú entre o Carlos Mannucci e o Universitario no Torneo de Apertura do 2023.
Xa estamos en setembro e disque de volta á normalidade. Por iso nese anaco temporal do distinto, facemos cousas desaxustadas aos nosos hábitos e costumes. O remate das vacacións non vai obrigar a ninguén a deixalo no conxelador ata o seguinte tempo de lecer do que podamos dispor. O surrealismo está no seu tempo.
Estaba a xantar e de súpeto erguín a vista cara a TV que só estaba a facerme compaña. Chamou a miña atención a melodía dunha publicidade. Aínda que non me resultou descoñecida, non souben poñerlle nome. Estiven un tempo a darlle voltas e non atopei máis solución que peneirar na internet ata que as miñas pescudas tiveron recompensa: Dream a Little Dream of Me, no seu formato orixinal. Unha sinxela canción de amor cunha finalidade confesable, legal e con proveito. Un amor como o descrito na canción da que estou a falar, precisa de amantes. Unha empresa virtual de moda é un negocio e non precisa de amor nin de amantes, só clientes. Os "xingles" publicitarios (así os chaman na nomenclatura desta especialidade), son unha ferramenta poderosa para axudar a aumentar o recoñecemento da marca, mellorar a retención da mensaxe publicitaria e aumentar a conexión emocional co seu público obxectivo.
Un proxecto de extracción de ouro a ceo aberto precisa de 9 toneladas de explosivos, 10 toneladas de cianuro e 300.000 litros de auga. 1 anel de ouro supón 18 toneladas de lixo. Cara a onde imos?
Quen temos a posibilidade táctica, pola nosa condición de xubilados, dunha certa alianza co tempo en canto a dispoñibilidade e permisibilidade de acomodarnos a unhas dinámicas horarias ás veces un pouco caóticas, deberemos aceptar en troques e sen rosmar que, no referente á estratexia o reloxo vital, sempre será inflexible e imprevisible e ademais determinante no remate da nosa estadía. Só por iso, non é natural a convivencia co surrealismo. As nosas preferencias están marcadas a lume, dun xeito maioritario, polo contexto que nos tocou vivir.
Nesas pequenas cousas que tamén permiten unha certa satisfacción, como di Serrat desenvolvemos o noso camiñar acomodaticio ou rebelde e ás veces cando as volvemos a lembrar ... fan que choremos cando ninguén nos ve ..., recreando nelas e noutros tempos.
A versión de "Soña un sono comigo" de Ella Figeralt e Louis Armstrong levoume ate acolá e mesmo quixen "cantureala" cuns acordes da guitarra.
Así foi un día calquera do meu vivir e así quixen contalo, cando menos, dunha maneira algo mais racional. Por certo o obxectivo da práctica política non debe ser, descoñecer ou negar un conflito. As solucions posibles deben atoparse na negociacion e no establecemento de novos principios normativos. A eternidade é atemporal, polo que basicamente nada pode ocorrer nela. No desenvolvemento dos acontecementos obrigatoriamente precisamos dunha temporalidade.
Fermín Paz