Unha explicación posible, a miña, ten como referencia a teoría de Kandinsky. Nela di o seu autor que a liña xeométrica é un punto en movemento sobre o plano; ao destruírse o repouso do punto, este móvese polo espazo dando orixe á liña. Seguramente no comezo algúns “puntos filipinos” con listura dabondo decatáronse da posibilidade de encher a caixa facéndose piratas. O “choio” podía dar moito pero precisaban de movemento no espazo (canto máis grande, máis posibilidades de botín), dando orixe a unha liña de actuación en que converxen unha ambición desmedida das persoas, unhas necesidades de financiación das estruturas políticas que medraba en progresión xeométrica e un método de traballo nebuloso con “enxeñaría”, “intendencia”e “permisividade” do poder. Máis adiante as liñas foron cruzando, unhas con outras, converténdose en tramas moi tupidas.
Acaso cada quen na súa contorna non mirabamos enriquecementos indebidos? Ou non escoitabamos falar? ... “roubará algo, pero fai cousas”. Houbo complicidade mesmo para xustificar ou silenciar as poucas voces que se atreveron a denunciar. Talvez o efecto máis noxento da corrupción é o falseamento do sistema democrático xerando un clima de desconcerto na sociedade que observa como o seu funcionamento diario vira en torno a escándalos, abusos, e en xeral condutas que se afastan moito dunha xestión ética do público.
Mais non deberíamos laiarnos tanto agora sen facer unha mínima autocrítica. Acaso non houbo laudatorias públicas e privadas da acumulación da riqueza canto mais axiña mellor . Demasiados aplausos e cobertura de todo tipo para quen diante dos nosos ollos tivo unha “resistible ascensión” económica-política e social, da que tanto e tamén nos falou Bertolt Brecht na súa tentativa por explicar o ascenso de Hitler representado en Arturo Ui no espello trucado do escenario en que alcanza o poder mediante o terror, o crime, a traizón e o engano nun envolvente ambiente de crise, gángsters, mercado e política.
A obriga democrática, ademais de esixir e facer xustiza, é poñer novos muros de contención xurídicos, políticos e cidadáns de tal xeito que os casos que podan acontecer de novo, sexan comportamentos individuais sen ningunha posibilidade de amparo ou protección dos poderes e dunha parte da sociedade. Concretemos as penalizacións das responsabilidades políticas e penais dunha vez e, se de verdade entendemos que é unha prioridade, esixamos a depuración de responsabilidades dotando de medios e independencia a quen o ten que facer. Esixir que os e as responsables da pirataría moderna devolvan o botín roubado leva aparellado instrumentos e lexislación equilibrados a tal fin.
As democracias actuais precisan dunha cultura cívica sólida que participe e tome interese polos asuntos públicos. A mellor manciña é a responsabilidade e a transparencia diante de calquera limitación ou sanción á liberdade de expresión.Temos necesidade dun impulso nesa dirección e manteño a esperanza nalgúns sectores do xornalismo, da xustiza, da política e da maioría da xente para facelo logo da autocrítica.
Os grandes grupos de medios de comunicación dedícanse a moitas cousas pero o seu papel de supervisores do poder público e político tamén ten eivas. Parecen máis interesados en xogar o rol de organismos envorcados en maior medida nos seus intereses políticos e económicos. Non acredito nas filtracións interesadas, nin selectivas. A información vai máis aló que ser o primeiro en dar unha noticia a calquera prezo, dun tratamento da noticia desde a perspectiva das “amizades” e dos intereses creados. Para máis e mellor democracia precisamos debater tamén o papel dos medios de comunicación e saber das “axudas mutuas” tanto no sector público como privado.
Non podemos descoñecer que asistimos a unha nova relación entre Estado-medios-sociedade. En cada conflito podemos mirar os medios como unha forza cargada de intereses lista para intervir politicamente no momento en que lle conveña. Por iso non é de estrañar que as forzas de poder que os dirixen non se dediquen ás análises da realidade senón que traten de construíla coa súa ideoloxía. Non me sorprende a efectividade do marketing político nin que as sondaxes electorais teñan unha pegada ás veces aparentemente contraditoria. Son ilustrativos para explicar o efecto “Podemos” e “Ciudadanos” pola posibilidade de influenciar na xente provocando unha volatilidade no seu voto con certas semellanzas co que acontece n@s inversores da Bolsa cos medos.
Chegan novos procesos electorais. Seguro que asistiremos a cambios na representación (están cantados; ademais de seren necesarios). Aínda así, dubido que teñan a intensidade, profundidade e decisión para resolver algunha das cuestións prioritarias, das que quixen falar hoxe. Isolar a corrupción (que sempre existirá na condición humana) para que deixe de ser estrutural, precisa tamén dunha sanción negativa no acto electoral. É verdade que os gobernad@s teñen coartada dabondo nos gobernantes e nos membros das elites dos outros poderes para deixaren pasar o asunto e caer de novo na trampa da utilidade e do pragmatismo ou do “que máis dá!, son tod@s iguais”.
Votar é bastante máis que unha festa da democracia. Talvez na saída da ditadura esa interpretación “festiva” tiña sentido por cuestións obvias. Hoxe mesmo publicalo así sería tanto como rebaixar o papel dos cidadáns ao mesmo plano que outro divertimento ou pracer. A democracia non consiste en só votar un día; precisa ser un proceso de participación máis cunha delegación permanente. Unha papeleta depositada nunha urna é un acto de responsabilidade para quen se sinta actor dunha obra sempre sen rematar chamada democracia, mais tamén pode ser conformismo con seguir sendo espectadores dunha farsa co mesmo titulo.
Fermín Paz