Non é unha idea miña, mais sinto a necesidade de tentar clarificar a existencia da confusión que supón proclamarse de esquerdas e militar ou axudar ao españolismo desde diferentes formatos estruturais ou individuais e á vez, autoconvecerse da posibilidade existencial e política de ser un nacionalista galego con todas as consecuencias derivadas do seu exercicio. Sempre hai unha certa necesidade de clarificar dita cuestión porque se presta a interpretacións negativas.Tentarei facer unha pequena aportación en dúas entregas.
Acaso a construción nacional depende do eixo (dereita- esquerda) para a súa configuración ou dunha maioría social que quere erguer unha Nación sen ter conflitos definitivos con quen nega dita posibilidade a nivel político e legal? Acaso unha cesión de soberanía a unha Confederación ou outra forma asociativa multilateral pode cederse sen exercitala antes? O feito nacional cando sofre inxerencias dos países veciños ten que ser defendido desde a unidade territorial ou desde unha diferenciación ideolóxica? Un Estado pode manter eternamente un xugo nacional exclusivo a outros pobos que queren decidir libremente o exercicio da súa soberanía?
A nación é un sentimento primixenio que logo precisa de construción política, aval social e legal. Nese camiño longo sempre ten que xurdir o conflito entre os reclamantes de tal "estatus" e os negadores ou opositores a tal concesión. E como en todos os conflitos ten que haber negociación para o acordo e fortalecemento ou debilitamento das partes en contraposición. Queirámolo ou non ė o que está a pasar no Estado Español, cuxa estrutura actual non é quen de termar do seu edificio Constitucional, erguido para unha Transición que agora uns queren convertela en eterna e outros pretenden reformala antes do seu colapso. O nacionalismo cando é consecuente coa orixe do seu ideario non ten máis necesidade de situar o soberanismo na cabeceira das súas políticas prácticas. Só con mirar o que están a facer os de Junts e o PNV chegaría para clarificar cal é a contradición principal para calquera nacionalismo.
O nacionalismo galego só precisa decidir en Galiza e en galego. Para facer posible estes obxectivos, a maioría do pobo ten que visualizar con toda clareza as manifestacións da contradición principal do españolismo en todas as súas diferentes estruturas políticas e de poder. O conflito ė unha necesidade para poñer enriba da mesa tódolos impedimentos que temos para exercer a soberanía. A loita, é só unha ferramenta para a liberación nacional e social. Ámbalas dúas conforman un único vaso comunicante e así se pode analizar en comprobar en cada un dos conflitos que xorden na dinámica galega pola súa dependencia da soberanía española e os aliñamentos internacionais. Todo o demais non deixa de ser unha escusa porque o españolismo, nas súas diferentes versións, só é unha coartada política, sexa de carácter federalista ou centralista. Galiza para ser dona de seu ten que emanciparse das políticas tradicionais españolas de esquerda ou dereita no noso territorio e saudar, se fose unha realidade, unha dereita galega consecuente na defensa dos intereses da Patria antes que calquera outro.
Porei un exemplo para facerme comprender mellor. A identidade dun pobo é o conxunto da historia dese territorio ou só é necesario fixala en relación coa nosa vida ou de dúas ou tres xeracións?. A miña posición a respecto do mantemento da Cheminea como ben industrial é a seguinte:
A historia de As Pontes ten máis amplitude e máis riqueza e ensinanzas que as contidas nesa infraestructura . Hai moita base onde asentar o camiño nàs mámoas, fragmentos de cerámica e mesmo vasos correspondentes á cultura campaniforme. Entre os anos 6000 a 2800 a. C. crese que un importante asentamento humano poboaba a esta parte do territorio galego. No 1267 atopouse o primeiro texto que constata a existencia do “Concello das Pontes”. En 1376, Enrique II de Castela concedeulle o señorío da Vila de Pontes ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, do lugar das Pontes de Hume». 100 anos despois pasou a pertencer á casa de Lemos. O Catastro do Marqués da Enseada, feito no 1752, di que residían entón, no centro urbano pontés, algo máis de douscentos habitantes e preto de mil nas parroquias. A finais do século XVIII Cornide Saavedra comunicou á Real Sociedade Económica de Amigos do País a existencia dos xacementos de carbón e a súa explotacion na mitade do seculo XX tanto na Vella Central Termica como na Fábrica de Abonos Fertilizantes polo INI xa desaparecidas, o encoro da Ribeira,as empresas privadas que foron xurdindo, as feiras para vender os excedentes dás produccion gandeiras e labregas, etc...
Estase a falar de manter esta infraestrutura como símbolo dunha industrialización dos derradeiros 50 anos agora en desfeita e que se pretende reconverter como tantas outras Empresas públicas e privadas no pasado recente.
Unha Empresa na que como moito houbo un intercambio de forza de traballo por un salario e uns dereitos (que agora mesmo queren roubarnos), merece ter un anaco na historia do pobo máis desde a verdade histórica como a característica colonial dunha explotación irracional dos recursos mineiros en beneficio de intereses alleos, do movememento obreiro e das súas loitas e de todas as demais perspectivas como o significado concreto do que vai supoñer iso que está a agacharse desta vez tras do eufemismo "transición xusta".
A cheminea para min ten todo este significado. Por iso a miña proposta de reconvertela só parcialmente se tecnicamente é posible (e pagada por Endesa e conveniada coa Xunta e o Concello), na que se faga compatible a historia verdadeira, unha alternativa de uso parcial desta infraestrutura para museo e que en ningún caso sexa unha coartada xustificativa dunha nova industrialización fracasada.
Remato de ver o programa de Informe Semanal baixo o título "O derradeiro Carbón". Resulta que, a participación en dito programa ten moitos filtraxes para que a verdade sexa a convinte o guión e o relato preestablecido. Só un representante das Compañías Auxiliares fala con clareza do que está a pasar. A forza máis representativa a nivel sindical, a CIG, e a segunda forza política do Concello, non existen. Un representante da UGT disfrazado de Técnico do Laboratorio forma parte do relato amañado da "verdade" deste momento da historia. Non sei como non aproveitou o tempo para explicarmonos a súa colaboura para que os accionistas de Endesa recibiran 515 millons de euros, cantidade na que foron valorados os nosos dereitos.
No Estado Español o caso Endesa tiña que ter un tratamento xornalístico e de análise cando menos de tanta importancia como o caso Ferrovial. Mais os intereses foron tantos e con moitos actores políticos-económicos que foi silenciado con nocturnidade e adrede. Conformo con afirmar que tanto PSOE, PP, sector financeiro e empresas enerxéticas europeas e outras españolas foron as responsables e grandes beneficiadas desta operación privatizadora e o interese público, o prexudicado. Farei un recordatorio desta realidade.
No 1988, baixo o Goberno de Felipe González, PSOE, comezou a privatización da compañía Endesa, cun lanzamento inicial a Bolsa de 18%. Durante os anos seguintes, tres OPVs completaron a súa privatización: en 1994, 1997 e 1998 (estas dúas últimas xa baixo o mandato de José María Aznar-PP).
Endesa, empresa publica, tivo o seu primeiro intento de total privatización no 2005 coa Opa de Gas Natural e co apoio da Caixa. Despois a construtora española Acciona anunciou a compra dun 10%, co desexo de amplialo ata un 25%, todo iso grazas á axuda do Banco Santander. Máis adiante, a empresa italiana Enel, participada polo Estado italiano, mercou un 10% de Endesa e manifestou a súa intención de ampliar a súa participación un 7% adicional. E.ON, empresa alemaña que tamén quería a súa parte do pastel precisaba dun gran consenso entre o Sepi, accionistas, e Caixa Madrid que non acadou. Logo chegouse a un acordo que pon fin á Opa da eléctrica alemá, entre Enel, Acciona, e E.ON, polo que esta última retírase, a cambio de obter activos de Endesa en Francia, Italia, Polonia e Turquía, o control de Electra de Viesgo, a quinta eléctrica española, que nese momento era de Enel, e dun conxunto de centrais térmicas de Endesa. Un pouco despois chegou a modificación dos estatutos de Endesa eliminando a limitación do 10% dos dereitos dos accionistas maioritarios, que foi aprobada na Xunta Extraordinaria de Accionistas de Endesa do 25 de setembro de 2007. O 5 de outubro de 2007, a italiana Enel e a española Acciona facíanse co 92% do capital de Endesa, culminando así a operación e o acordo coa alemá E.ON. O 20 de febreiro de 2009 Acciona e Enel asinaron un contrato, previsto no acordo entre ambas, do 26 de marzo de 2007, polo que Acciona vendía as súas accións de Endesa, un 25%, a cambio dos activos de enerxías renovables de Endesa, máis 8.000 millóns de euros. Estes activos consistían en 2.105 megavatios (MW) en España e Portugal, dos que 688 MW corresponden a centrais hidráulicas. Esta operación, que obtivo o 8 de abril de 2009 a conformidade da Comisión Europea, supuxo que Enel convertésese no dono case absoluto de Endesa ao controlar directa ou indirectamente o 92% do seu capital social, poñendo fin a longa batalla polo control da maior empresa eléctrica española e colorín, colorado...
Fermín Paz