Hai uns días, afirmabamos, nesta mesma páxina, que Núñez Feijoo quería protagonizar unha investidura imposíbel porque necesitaba solemnizar, nunha cerimonia tan simbólica coma esa, o liderado da súa formación política. Hipoteticamente, podería ter repetido a táctica asumida por Mariano Rajoy despois dos comicios xerais de Decembro de 2015. Aritmeticamente, estaba na mesma situación que hai sete anos. Pero, politicamente falando, non tiña asegurado o nivel de consenso interno que posuía Rajoy. Podemos imaxinarnos as treboadas que se rexistrarían na "prensa amiga" ante unha eventual negativa a dar a batalla parlamentaria requirida para aspirar á conquista da Moncloa. Dende que está no seu novo despacho da sede da rúa Génova, Alberto Núñez ten comprobado empiricamente unha das diferenzas substanciais co seu longo mandato no PPdG: mentres aquí, a grande maioría do sistema mediático -público e privado- trasladaba disciplinadamente as mensaxes e as estratexias deseñadas en San Caetano (sen que, polo demais, existiran voces discrepantes no seo do aparato partidario, agás a disonancia pactada coa familia Baltar), en Madrid as fidelidades mediáticas están, polo momento, usufrutuadas por unha Díaz Ayuso que dispón de fontes financeiras públicas que non acompañan a un dirixente que só ten asegurado o seu rol de xefe da oposición a un eventual novo goberno presidido por Pedro Sánchez.
Se Feijoo practicase a letra e o espírito constitucional que di defender, tería construído un discurso diferente do que recitou dende a tribuna do Congreso. Para tratar de acadar a investidura presidencial debería relatar os contidos do seu proxecto alternativo (no ámbito económico, na estrutura territorial, na prestación dos servizos públicos, no funcionamento democrático de todas institucións, na política exterior...) no canto de utilizar o formato propio dunha moción de censura para descualificar, por enésima vez, as maldades diabólicas do "sanchismo". Coa súa actuación parlamentaria, Alberto Núñez certificou a carencia dunha proposta programática suficientemente estruturada e concretada. En realidade, a súa chegada ao cumio dirixente do PP non foi o resultado dun debate ideolóxico serio acometido no marco dun proceso congresual. Foi, sobre todo, o relevo elixido polos dirixentes que conspiraron para finiquitar o mandato de Pablo Casado. A partir dese momento, ficou aprazada calquera cita que permitira clarexar as liñas estratéxicas do partido creado, no seu día, por Manuel Fraga. No actual contexto estatal e europeo, semellante indefinición resulta aínda mais preocupante: que quere ser o PP nos vindeiros anos? Unha forza política ubicada nas coordenadas da dereita tradicional ou unha formación que aceita compartir gobernos con Vox, asumindo e/ou lexitimando unha boa parte das súas propostas involucionistas? As sesións para a investidura fracasada de Feijoo serviron para respostar a estas interrogantes: hoxe por hoxe, o ex-presidente da Xunta aposta por non establecer un contundente perfil propio a respecto de Abascal, agardando a que o paso do tempo (catro anos naquelas CC.AA. e concellos nos que gobernan xuntos) e o posíbel desgaste das forzas adversarias lle permitan incrementar significativamente o volume do seu actual electorado.
A obsesión por anatemizar calquera fórmula xurídica que posibilite a eliminación das consecuencias penais da crise catalá de 2017 non conseguiu agachar a evidencia de que non está revestido desa condición de estadista que pregoan os seus palmeiros. A realidade é ben distinta: o PP non é quen de ofrecer propostas que acrediten a vontade de facer viábel o encaixe de Cataluña no conxunto estatal. A impotencia exhibida por A. Núñez neste asunto foi indiscutíbel: a renuncia a manter a entrevista anunciada con dirixentes de Junts alegando unhas declaracións de Puigdemont (polo demais,perfectamente previsíbeis) delimitou o alcance da hipoteca que asume o recentemente investido líder da oposición.
O proceso para unha eventual investidura de Pedro Sánchez vai ter lugar nun escenario de máxima belixerancia por parte da dereita política, mediática e xudicial. Ademais das explícitas ameazas verquidas por Abascal dende a tribuna parlamentaria, pódese citar o exemplo do insólito comunicado preventivo dirixido pola Asociación conservadora de fiscais aos organismos da UE ante a posíbel aprobación dunha lei de amnistía e tamén cabe aludir aos editoriais -entre eles, o do xornal de maior difusión no territorio galego- que esixen unha repetición electoral para lexitimar os pactos que puideran existir coas formacións nacionalistas.
Gañou algo Feijoo co debate sobre a súa investidura? Principalmente, unha cousa: tempo para tratar de consolidar o liderado no seo do PP. No ano 2024 terán lugar, con total seguridade, tres citas coas urnas (no Pais Vasco, na Galiza e para o Parlamento europeo) e tamén puidera existir unha convocatoria á Cámara lexislativa de Cataluña. O resultado dese ciclo electoral -singularmente, o referido ao Parlamento do Hórreo- será determinante para o futuro do político dos Peares.
Mentres chega ese momento, Aitor Esteban recoñeceu expresamente que non tiñan un bo coñecemento previo do talante político do candidato e que saían do debate mais distanciados do que entraran. Velaquí unha das eivas relevantes que presenta a folla de ruta do dirixente do PP: nin ten propostas minimamente atractivas para Euskadi e Cataluña nin dispón de interlocutores con quen dialogar e negociar.
Xesús Veiga