A seguir fago unha decena de consideracións dos resultados das eleccións municipais:
-Segundo van pasando os días, imos vendo que xestionar os resultados ten o seu aquel. O bipartidismo está tocado, mais non afundido.
- O PP está a dar mostras de infantilismo político. Foron a forza máis votada e, cando teñen que enfrontar a súa propia crise pola perda de poder, coucean. Foron “milagreiros” coas finanzas tanto públicas como privadas mentres mantiveron a popularidade. Hoxe, algo mais impopulares, esquecen que o non saber perder ten moitas mais consecuencias que o desaloxo dalgún poder. Talvez a desfeita se agrande no tempo, cando vaiamos sabendo mais cousas da súa xestión.
-O PSOE recibe tamén unha boa quenta, aínda que o seu líder nos agasalle cun sorriso diante da oportunidade de aproveitarse do “naufraxio” do PP. Aínda así, parece que desta vez a alternancia no poder vai ter mais actores que están dispostos a rachar coa tradición hexemónica da socialdemocracia na contorna da esquerda española.
- Quéirano ou non (PP-PSOE), rematou o baile da “yenka” (...esquerda-esquerda, dereita-dereita, adiante-atrás, un-dous-tres...), xa imos cansos do mesmo ritmo empobrecerdor para a maioría. Un novo tempo político abre as súas portas: outras músicas e outros bailes teñen unha posibilidade.
- As demais organizacións que queren representar e facer protagonista á maioría social din que non é posible un remate da “película” da crise -e sobre todo das súas consecuencias- cun sinxelo “the end ”. Compre, agora si, que os pactos sirvan para refacer o guión que se viña desenvolvendo polos dous “grandes” partidos, ben para chegar os gobernos ou ben para gobernar.
-É seguro que teñamos múltiples derivadas na conformación do poder nos concellos e nos gobernos autonómicos do Estado Español. Isto permitirá un retrato de todos os actores políticos tanto nas súas orientacións como nas súas contradicións, sobre todo dos chamados emerxentes que aínda manteñen unha atracción pola súa marca e liderado.
- Xa miraremos tamén como se concreta aquela máxima repetida polo líder de Podemos: "el cielo no se toma por consenso, se toma por asalto”. De existir ese lugar de gozo, paz e felicidade eterna e infinita, a loita polo poder non tería explicación xa que no ceo non habería problemas. Os de verdade veñen agora.
- Outro mesmo opinamos do que dixo o líder de Ciudadanos: “la regeneración democrática y política de este país pasa por gente que haya nacido en democracia”. O valor democrático non se supón como na “mili”. Tense ou non se ten e, xa que logo, as leccións de democracia non gardan ningunha relación coa idade. En política a mestría ten moitos condicionantes. Coidadiño !!!
- Non teño dúbida, a xente do común somos os mesmos que onte e que antonte; e pode que mañá non sexamos moi diferentes. Analicemos cantos dos votos son un berro favorable a outro xeito de facer -e de estar- na representación e na xestión pública. O relato que conseguiu máis apoio electoral foi o da desigualdade e inxustiza social, parte do éxito dalgunhas Mareas.
- Non foi un acerto confundir a necesidade coa virtude pola banda da alternativa nacionalista. Nin o resistencialismo nin as necesidades do curto prazo, trabucando táctica con estratexia, traerán solucións electorais.
Dentro de pouco voltaremos a ser preguntados nas urnas, así que nin as festas nin os choros chegarán até á seguinte convocatoria. Cada quen é dono do seu facer. As expresións políticas na súa conformación actual deberán tomar decisións importantes tanto para seguir aturando situacións herdadas como para as que veñen derivadas deste proceso electoral. Por iso rematarei cun desexo que formulo do seguinte xeito: cómpre sumar esforzos para que nesta Terra o novo día chegue cos sons da Alborada de Veiga.
Fermín Paz