Na artesa das miñas lembranzas hai un anaco daquelas xornadas coas amizades nun territorio moi ligado á miña aterraxe neste mundo (no Concello das Pontes, hai unha estrada que leva a Ribadeume, a miña aldea e seguindo a estrada que nos achega A Faeira hai unha pequena ponte e, por debaixo, o regato de Rebardille).
O regato é moi pequeno e a pesca precisaba, a seu entender, ademais doutras cousas, dalgún código para ter resultados. Quen participamos daqueles encontros coa natureza, moi preto de onde o regato funde co río grande que lle dá apelido ás Fragas do Eume, non tiñamos moitas esixencias co número de pezas. Máis ben aproveitabamos calquera circunstancia para pasalo ben, achegándonos ao Manolo, que era ben competitivo, para preguntarlle por aquilo ou o de máis aló, sabendo sempre que a súa resposta, sería,… pásame a tres regos, carallo !!! Non quería lerias, nin contos.
Supoño que a maioría do pobo ten, temos, moitas incertezas do que está e vai pasar. Non sabemos de moitas cousas, pero si dalgunha: isto non funciona e quixeramos unha democracia de verdade ou cando menos, moi mellorada. A situación hoxe esixe de nós, a maioría popular, unha lección aos partidos políticos que xestionan un sistema inxusto e insostible.Temos feito moitas cousas por separado, á defensiva e illadamente, segundo chegaban as agresións a cada quen, mais sen masa crítica para producir un troco no acontecer das nosas vidas.
A comunicación, nas súas manifestacións, precisa de códigos, un conxunto de elementos misturados que seguen certas normas, para dar a coñecer algo. Entendo que, hoxe, a prioridade para a xente do común debera ser, tentar facerse escoitar e, xa que logo, esperar que actúe en consecuencia quen nos vai representar. Por iso quero aproveitarme da sentenza, do código que o Manolo repetía unha e outra vez para acadar os seus obxectivos.
Nunha proclama coma a de “A TRES REGOS” deberamos facer converxer a indignación coa oportunidade para alonxar da vida política a montaxe de tremoia das maquinarias dalgúns partidos, das empresas da información, dos organismos de control e dos poderes públicos para faceren o de sempre con pequenas variacións na careta. É tempo de cambio para rachar coa dinámica das promesas incumpridas. E tamén é tempo para que a corrupción sexa perseguida e castigada por terra, mar e aire con lexislación e medios axeitados.
Xa houbo unha nova convocatoria electoral. Temos resultados e pactos de conveniencia. O cambio é posible pero aínda fart@s e cans@s, teremos que seguir a remar e sachar.
Fermín Paz