Fose polo que for, non tiven resposta, mais continuei a darlle voltas ao asunto e pensei que -máis cedo que tarde- os cambios tamén terán que chegar ás estruturas sindicais e á acción sindical que desenvolven. Por iso, non está de máis lembrar a Rosa Luxemburgo cando dixo: "a liberdade só para os que apoian o goberno; só para os membros dun partido (por numeroso que este sexa) non é liberdade en absoluto. A liberdade é sempre e exclusivamente liberdade para quen pensa de xeito diferente".
Os sindicatos non poden ficar fora da mudanza; esta é unha urxencia para á clase traballadora. A crise é política, social e institucional. Por iso afecta tamén o ámbito sindical e este precisa dunha revisión profunda antes de se instalar nun continuísmo suicida. Non é doado, mais si é necesario para poder explicar á clase traballadora os retos que hoxe temos. Cada organización debe considerar o que facer ou será superada polos acontecementos.
En pura lóxica, as estruturas sindicais que forman parte do aparello institucional serán mais resistentes a perder os privilexios do poder en todas as súas manifestacións. En analoxía co bipartidismo, no Estado Español temos un bisindicalismo hexemónico nas relacións laborais. Aínda que algúns pretendan negalo cunha formulación simplista, cunha falacia, “os resultados das eleccións sindicais mostran a confianza dos traballador@s nos sindicatos”. Tal afirmación non deixa de ser unha xustificación, do mesmo calado, á estratexia que mantivo o bipartidismo durante tanto tempo para negar a necesidade dun cambio real.
A miña formulación para o devandito encontro foi a seguinte: “a loita obreira : de onde vimos, a onde vamos”. Por unha banda, a xeración máis vella de militantes deberían facer un pequeno percorrido polos asuntos que tiveran que enfrontar na ditadura e máis adiante coa liberdade sindical, nunha revisión histórica que puxese de manifesto os posibles erros e acertos. Pola outra, @s traballador@ e sindicalistas de hoxe e de sempre, deberían pensar e debater dun xeito aberto sobre os problemas centrais da clase obreira e sobre as necesidades estruturais de organización cunha perspectiva do medio-longo prazo.
O onte no meu maxín está cheo dunha mistura de lembranzas que van das referencias históricas en que me fun formando ás condicións de vida e de traballo no contexto dos finais da década dos 60 e os inicios da do 70, á situación política daquel tempo, á loita contra o sindicato vertical para construír unha alternativa democrática, á coherencia esixida entre os formulacións na fábrica e a vida militante, aos debates sobre unha única Central Sindical e a concreción das diferentes expresións do pluralismo sindical, á legalización dos sindicatos de masas construídos polas vangardas, á ilusión colectiva como motor do cambio, unhas organizacións novas e democráticas, ao desenvolvemento e as ensinanzas das loitas, ás crises internas, á institucionalización sindical e o pacto social. Pese ás dificultades que cada tempo ten, tratábase de atopar solucións teorico-prácticas aos problemas que ían xurdindo na dinámica histórica. Seguro que outr@s compañeir@s poderían facer achegas importantes tanto no terreo dos feitos obxectivos como das valoracións que cada quen teña sobre deles.
Nalgún artigo aquí publicado xa teño feito algunha referencia critica (no contexto do Estado Español) ao presente, marcado polas reformas interminables en materia laboral, que supuxeron -con moi poucas excepcións- un continuo retroceso nas relacións laborais. Contodo, cando fixen a suxestión quería ir mais aló da conxuntura do presente. Sei das dificultades que os traballadores e as organizacións sindicais teñen na actualidade para atopar e dar respostas e que, no mellor dos casos, son parciais porque non se combate a causa ou chega a negarse na práctica o conflicto entre clases sociais ou mesmo a súa morte.
No mundo contemporáneo estamos diante dunha nova orde económica mundial. A globalización son moitas cousas; ademais dunha “revolución” tecnolóxica non debemos esquecer os novos paradigmas da realidade laboral e social que está sendo caracterizada polo desemprego, a instabilidade contractual e a flexibilización das condicións socioeconómicas, entre outras. A hexemonía capitalista fundaméntase na ideoloxía dun mercado resolutivo dalgún dos seus problemas. É unha “cultura” cun programa de acción que xa están aplicando, ben contando co colaboracionismo dalgunha representación obreira, ben rebordando as febles defensas políticas e sindicais.
A clase obreira precisa saber deste programa, da súa xustificación analítica e das consecuencias, antes de poder exercer o seu antagonismo. Se non sabemos o que facer, como facelo e con quen, o futuro pinta mal para o sindicalismo e para @s traballadores.
O “A onde vamos” centra toda miña preocupación. Diso falarei na segunda parte deste artigo.
Fermín Paz