A liberdade de pensar ( 3 de 3)

Desde 1990 nas economías de máis fortaleza mundial atopámonos cun denominador común: os empregos de moi alta remuneración e os de salarios baixos creceron, non así os empregos da chamada “clase media” sobre a que asentaron o desenvolvemento e a fortaleza sistémica capitalista.

Por Fermín Paz | As Pontes | 24/07/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Como consecuencia diso, o buraco do medio foise agrandando e moitos dos traballos cunha remuneración que permitía unha vida digna hoxe están a ser substituídos por outros que van no sentido contrario. No futuro, aínda que poida ser certo un crecemento do emprego, non é menos certo que será con salarios baixos e  cunha  precariedade xeneralizada.
 
A crenza de que a educación é cada vez máis importante baséase na formulación   (aceptada maioritariamente sen análise e debate) seguinte: os avances tecnolóxicos incrementan as oportunidades laborais para quen traballa; dito en termos máis sinxelos, a informática e os avances tecnolóxicos axudan aos que traballan coa cabeza, aínda que poda prexudicar aos que traballan coas mans. 
 
Con todo, anos atrás, algúns economistas e analistas puxeron en solfa a dita afirmación, dicindo que este era un xeito errado de pensar no asunto. As computadoras -sinalaron- sobresaen nas tarefas rutineiras, "tarefas cognitivas e manuais que poden realizarse seguindo regras explícitas". Pola contra, os traballos que non se poden levar a cabo seguindo regras explícitas (categoría que inclúe diversas clases de traballo manual) tenderán a crecer, aínda a pesar do progreso da tecnoloxía. 
 
Talvez as dúas teses teñan moitas lagoas. A maior parte do traballo manual que se fai na nosa economía parece ter moitas dificultades de automatizar. Aínda non chegaron @s porteir@s-robot, conductor@s-robot, camareir@s-robot e de tantas outras profesións. Mentres tanto, vemos que a investigación legal automatizada e o diagnóstico médico por computadora xa están aquí e serven como exemplo do que quero dicir.  Non temos traballo nin en cantidade nin de calidade.
 
O paradoxo deste tempo na nosa realidade económica é que un título universitario  non é garante dun bo emprego, nin tan sequera dun emprego. Ningún país chegará a ser desenvolvido simplemente outorgándolles aos estudantes títulos universitarios ou de formación profesional, se non son máis que pasaportes a empregos que non existen ou a empregos cuns salarios que non permitan unha vida digna.
 
Non estou contra a formación nin a tecnoloxía, todo o contrario, mais non quero deixarme confundir. Un sistema destas características sempre terá recursos para un sector da excelencia, destinado a formar as distintas elites defensoras do que está acontecendo, que serán cada vez máis necesarias na medida en que a economía mundial vaia agudizando as súas contradicións. Terá moitos menos para  o grupo máis numeroso, o d@s desempregados -ou empregados de forma precaria e flexible- que terán menos recursos e serán menos necesarios, incluso problemáticos para o  sistema. Os cambios tecnolóxicos precisan máis explicación e fundamento que a da simple necesidade sistémica. Os avanzos teñen que servir as persoas e non xustifican por si mesmos calquera decisión. O que estou a criticar é a formación desde a escola que fala destas cousas desde outras perspectivas, dando soporte á ignorancia que o sistema precisa para laminar calquera capacidade critica e facer mais dixeribles os contos que lle queiran contar. Non está de máis parafrasear de novo a Michéa: é unha cuestión de deseño social, de decisión política consciente para  fuxir dunha Escola de verdade.
 
A crise puxo de manifesto tamén a inconsistencia do modelo sindical actual para afrontala. A orientación pactista sostida nunha profesionalización sindical e nos tecnicismos do argumentario das direccións sindicais acentuou o retroceso da clase traballadora a partir dos anos oitenta do pasado século. Non foron quen de opoñerse á ofensiva neoliberal mais aló do discurso. É unha mínima autocrítica esixible a quen dirixiron os aparellos das organización sindicais que practicaron dito sindicalismo. No caso do Estado Español como noutros da redonda os interlocutores desta liña non teñen  unha marxe presentable  na xestión da crise actual.
 
O erro fundamental na miña análise é que as direccións sindicais ao igual que as políticas centraron  na resistencia  a súa  acción  sindical, pensado que sería suficiente para a conservación dos dereitos laborais nunha regulación keynesiana pactada da economía, confiados no seu status quo negociador, recoñecido institucionalmente polo poder e crendo inxenuamente que había marxe para un acordo aceptable. Confundiron a moita xente con algunhas convocatorias mobilizadoras  apoiadas na fórmula de sempre negociación-presión baseada no mesmo erro de partida xa que  o problema é  que  conflito e  crise non deixan marxe máis que para unha estratexia de confrontación sostida no tempo que deixe á descuberta os principios dos contendentes (capital e traballo) e nunca estiveron dispostos, nin están, a desenvolver.
 
O século XXI terá entre as súas principais características a complexidade e a interrelación dos conflitos. Mais unha de dúas: ou seguimos polo mesmo camiño ou esiximos un cambio na dinámica sindical. A colaboración cos movementos sociais e as organizacións políticas dispostas a unha confrontación sostida no tempo non poderá facerse sen substituír a formula de representatividade sindical actual.
 
Nunha sociedade con máis prosperidade para todos, a formación non é a única resposta: teremos que ocuparnos de construír esa sociedade directamente. Temos que restablecer o poder de negociación que a forza do traballo perdeu nos últimos anos, de xeito que os traballador@s poidan negociar através dunhas organizacións renovadas e moito máis participativas e democráticas, unhas remuneracións e condicións sociais axeitadas ao tempo que nos toca vivir. Aos que están hoxe pasoulles o tempo.
 
O cambio pasa por garantir as necesidades básicas para todos @s traballador@s  namentres  o “mercado laboral” non teña a capacidade de ofrecerlle un emprego de calidade que  permita unha vida digna.
 
Remato dicindo que a miña suxestión non ía moi desencamiñada. Fixádevos: a Organización Internacional do Traballo foi creada no 1919, polo tanto vai cumprir  100 anos. Este organismo tripartito de representación (Gobernos-Patronal e Sindicatos) tenta establecer as bases dunha conferencia internacional en que se poida debater o futuro do traballo e bla, bla, bla... Non sei que análise farán nin cales serán as recomendacións ou conclusións, mais teño a certeza de que o camiño por onde imos é o erróneo. Isto é que penso e do que  falaría.

Fermín Paz



Fermín Paz

A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.