A crise grega

O referendo grego do pasado día 5 foi unha boa proba para medir a solvencia democrática dos dirixentes políticos que administran as institucións da UE e dos Estados que forman parte do club da moeda única.Comprobadas as reaccións rexistradas antes e despois da consulta, a conclusión é preocupante:a case totalidade dos implicados non superan o test de calidade que cabe esixir ás persoas que ostentan semellantes responsabilidades.

Por Xesús Veiga | Compostela | 20/07/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Existe, sen dúbida, unha diverxencia no eido económico:o goberno alemán e a troika defenden a persistencia dun modelo que, ademais de provocar graves desfeitas no tecido social, non é quen de modificar os parámetros nos que se están movendo as economías periféricas.Se a diverxencia fose estritamente técnica, a solución sería doada:abondaría con analizar o sucedido en Grecia nos últimos cinco anos para concluír que os dogmas ditados dende Berlín e Bruxelas non resolveron os graves desequilibrios existentes senón que os agravaron profundamente.O cerne do problema está colocado noutro escenario:os poderes que hexemonizan a construción da UE non queren aceitar que o goberno de Syriza  pretenda aplicar os compromisos programáticos que propiciaron o seu triunfo nas eleccións de Xaneiro.Non admiten que haxa un goberno disidente no club.E por iso tratan de conseguir a súa derrota por terra mar e aire.
 
Pódese discutir a táctica negociadora seguida polo goberno grego nos últimos meses, ou o estilo exhibido polo ex -ministro  Varoufakis ou o momento elixido por Tsipras para convocar o referendo.Pero, dende unha óptica democrática, resulta imposíbel non concordar coa decisión de someter á consulta da sociedade grega a liña que se debe seguir nas relacións coas autoridades europeas.O contrario sería repetir o que se fixo no Estado español no ano 2010:daquela, Zapatero decidiu –pola presión da troika- cambiar radicalmente o seu programa electoral e mesmo chegou a un pacto co PP para modificar apresuradamente a Constitución para garantir o pago do débeda por riba de calquera outro gasto de carácter social ou produtivo.Velaí a grande diferenza entre ambos casos:as prácticas democráticas non son pezas accesorias que se deben subordinar, sempre, aos supremos designios dos mercados.
 
Certamente, hai un conflito de lexitimidades democráticas porque a UE é un espazo de soberanías compartidas.A pelota está no tellado dos gobernos mais poderosos da Unión (e, por suposto, das súas respectivas sociedades):desexan que Grecia siga formando parte do proceso de construción europea ou prefiren que fique fora?A primeira opción esixe importantes concesións da troika para garantir unhas condicións de vida dignas para a poboación grega.A outra alternativa, abre un camiño descoñecido que pode ferir de morte os plans que figuran nos actuais tratados europeos.
 
A crise grega está certificando, mais unha vez, a desaparición da socialdemocracia tradicional como alternativa diferenciada no seo da UE.As graves descualificacións e ameazas emitidas polo presidente do Parlamento europeo (Martin Schulz, membro do SPD) ou polo presidente do Eurogrupo (un socialista holandés) demostran os niveis de identificación desta corrente política coas decisións que ven adoptando A. Merkel.A comparecencia de Pedro Sánchez permitiu visibilizar a descolocación patética de quen pretende ser unha alternativa a Rajoy pero non pode agachar unha coincidencia básica no xuízo sobre o goberno de Syriza.
 
Mentres, o PP lémbranos todos os día a súa particular visión do que debe ser a rexeneración do sistema democrático:mandar aos presidentes autonómicos recentemente derrotados ao balneario do Senado e anunciar que vai aprobar os orzamentos do Estado de 2016 a pesar da evidencia de que o novo Parlamento vai mudar notabelmente a súa composición.Unha grave hipoteca antidemocrática que demostra a total carencia de escrúpulos que preside o comportamento do partido de Rajoy.  

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.