Se algo afasta á sociedade da caste política, é a falta de credibilidade. Os movementos que estamos vendo estas últimas semanas cara unha unidade popular nas próximas eleccións xerais, parten de premisas construtivas no seu enunciado, mais viciadas polos problemas de sempre, dun nacionalismo e unha esquerda galega, obsesionados con ser primus inter pares, como os galos nun galiñeiro, onde as galiñas non teñen claro quen as lidera.
Non teño a máis mínima dúbida sobre a necesidade dunha fronte común que consiga que nas cortes españolas, Galicia poida ter un grupo parlamentario propio que mire de fronte polos seus intereses. A evidente e clásica inacción dos representantes galegos das formacións clásicas españolas, fan deste desexo unha necesidade evidente, para que agrome o orgullo de país, do que tantos predican, mais do que poucos semellan poñer os alicerces necesarios. Enchen a boca de termos como xenerosidade, compromiso ou autogoberno, mais morrer na beira do posibles, enredados nunha madexa de egos cansinos e espíritos presuntamente indomables.
Este país chamado Galicia, para moitos de nós a nosa “nai e señora”, merece que os actores principais pasen a un segundo plano, e que a cidadanía colla as rendas cun proceso apartidario e transparente, no que as ambicións non vaian máis alá de o servizo público limitado no tempo, de servir á nosa terra, e os seus lexítimos intereses. Xa non creo nin nos Paco Rodríguez, nin nos Beiras, nin nos Bascuas, e moito menos nos Cuiña. Creo na cidadanía como garante da credibilidade que os demais perden cada día, por dilatar o evidente, e adiar o necesario. Creo que da sociedade civil pode partir a defensa dunha terra secularmente marxinada polos que consideran periferia o que nós sentimos como o epicentro; creo que a Galiza do século XXI so pode ser artellada mudando unha caste política que demostra permanentemente non estar á altura neste proceso. E diso teño claro, que non quero ser parte.
Unidade, e menos conto, porque o que está a acontecer so ten unha damnificada, que é esta bendita terra.
Ou non?
Rafael Cuiña