A miúdo quen fai artigos de opinión precisa botar man, entre outras cousas, dalgunhas figuras literarias. A metáfora dá moito xogo político cando consegue polarizar o debate a favor ou en contra das diferentes alternativas. "Desta vai" non foi porque a fixación do campo de xogo, como dixen noutro artigo, o interese do cambio era máis de Sánchez que dos de aquí. O do "Agora" vai ter que seguir na sala de espera ata que o común volva a ser o verdadeiro protagonista. E a "Galicia que funciona" aínda que sexa daquela maneira, segue a peneirar votos con marxe e suficiencia. Cando estou dándolle unha volta a estas cousas, aínda non se recontou o voto exterior e o PP tiña unha liña de vida ou salvación no sistema de ancoraxe chamado DO, no caso de necesidade para a supervivencia no poder.
Gañou a "continuidade" do Partido Popular. Todo o demais pasa a un segundo plano. Sei que o resultado non ten as mesmas consecuencias no BNG que no PSOE, mais o vencedor foi o PP. Xa que logo, convén facer unha análise racional dos resultados que permita, aos partidos e organizacións políticas, deixar as lerias da campaña e pasar a outro tempo coa toma das decisións tendendes a corrixir, mudar ou manter a estratexia, segundo o seu mellor criterio.
Teñen 4 anos por diante. Non sei o que farán, mais sería bo que fixeran unha boa lectura. Compre deixarse de trampulladas e non extrapolar os resultados a outros procesos; compre entender que o corpo electoral ten moitos vasos comunicantes en cada unha das convocatorias; compre non ser oportunista facendo xuízos e críticas á lei electoral, cando non se fixeron antes propostas para mudala; compre non deixarse levar polo electoralismo como practica, porque é un camiño con pouca consistencia e percorrido ; en fin, compre non confundir o touciño coa velocidade, no manexo axeitado do Ser e do Estar.
Os resultados teñen sempre moita dependencia da coxuntura, do Estar. O seu asentamento ou mellora, depende da estrutura, do facer, do Ser. Non vou ser moi creativo nas miñas conclusións.
Os socialistas van ter que adicar ben tempo a resituarse, tanto no referente aos casos xudiciais que de novo están a xurdir, como na obriga dunha redefinición do seu españolismo federalista, co mesmo liderado ou con outro. Os populares, conformarán con que Madrid siga sendo o motor para acadar os seus obxectivos confesables, baseados no conservadorismo do mito español e na necesidade dunha dereita unida construída coas diferentes familias ideolóxicas da dereita e do sucursalismo e, de novo, dispostos ao consenso español proeuropeista e atlantista. O nacionalismo galego debe aproveitar o apoio acadado para ter máis amplitude organizativa, reforzándose con sosego e ánimo, descontaminándose do alleo e dos que xamais van axudar na Galiza a cumprir cos seus obxectivos estratéxicos, desconfiando de calquera louvanza que veña do españolismo porque sempre foi e será unha perdición.
Fermín Paz