A invernía perdurábel

“Una tarde parda y fría / de invierno. Los colegiales / estudian. Monotonía / de lluvia tras los cristales” (Recuerdo infantil, Antonio Machado).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 16/03/2024

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Os devotos do café da media mañá seguen coa mesma actitude da semana pasada, cando un bocapodre aireara na televisión do bar as perdurábeis masacres de Netanyahu sobre a poboación palestina: tan aburridos e tan despistados, tusindo indiferenza, mastigando o miolo das horas fabricadas polo monótono reloxo que contabiliza o tempo dende detrás da barra. Seguen aí, como sempre, boqueando cara a pantalla, topeneando e deitando a cabeza no colo da inopia. Iolanda, tan preto e tan ausente, está sentada ao pé da fiestra, observando os avatares do tempo e os aconteceres que desfilan pola cabeza do bidueiro do parque.   
 
Se non fose porque sabemos que todo é finito, hai momentos nos que mesmo pensamos que o inverno, este inverno, non ten pensado marchar. Atópase a gusto na nosa desfigurada Limia, burlándose dos almanaques, empeñado en mostrarnos cada mañá unha mala réplica daquela pelica auguenta dos días de antonte, que tanto botamos de menos. Á súa idade xa debería ir pensando en empaquetar os tarecos e mercar o billete de volta. Compórtase como se non lle importase convivir na mesma casa cunha impaciente primavera, que xa leve tempo agarrada ao seu pescozo, ignorando a data de entrada en vigor dun contrato que nin sequera asinou. Talvez ningún deses dous testáns sabe que, un día destes e tamén sen previo aviso, un verán cos cabeiros aguzados asomará o fuciño para engulilos dunha asentada, sen concederlle o regulamentario trámite de audiencia. 
 
Iolanda goza ao tope mirando a través dos cristais o relax duns cantos pombos, auñados ás canas do bidueiro do parque, que os soporta e atura sen inmutarse. Non se move nada, nin sequera as últimas follas secas se atreven a desprenderse definitivamente das gallas, talvez polo medo a que o tempo e a intemperie as sentencien a podrecer lentamente ata converterse en esterco en calquera recuncho da praza. Na cabeza do bidueiro aínda hai sitio para a parella de pegas ansiosas de arremedar aos pombos. Un merlo vinculeiro súmase á meditación relixiosa, mentres dúas lavercas pasean tranquilamente pola herba, preto da árbore acolledora. 
 
De súpeto e sen licenza unha escuridade imprevista apodérase das horas, a monotonía invernal recupera a autoridade e vén acompañada dun vento animoso que invade discretamente o escenario, entoando a Marcha Turca de Mozart, para facerlle domear a cabeza ao dócil bidueiro, ritmicamente, cara a un lado e cara ao outro. Malia todo, a paxarada non se dá por aludida. Chove a esgalla e Iolanda ponse a contar as pingadas que se esnafran contra os cristais. Ao escampar cálmase o refacho e os paxaros seguen alí sen inmutarse.
 
Canda a calma regresa o silencio e a cadela de Iolanda corre e ladra debaixo do bidueiro, mais os paxaros permanecen impasíbeis. Na televisión do bar non se oíu máis do xenocidio de Netanyahu. Un forte estrondo aniquila a calma e invade o silencio, os da barra seguen sen inmutarse, mais os paxaros levantan o voo e foxen desesperados. Cara a onde irán? 
 
[Díxome o meu tío Lisardo que, en Ucraína e en Gaza, non cesan os estouros, mais iso non tería maior importancia se non for pola maldita inflación que fai que todo custe máis do normal. Maldita invernía! Cando marchará?] 
 

Xosé Antón Jardón



Vías de tren no inverno. ADIF

Antón Jardón

Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.