Agora quero retomar neste punto a miña análise. Interpretaba daquela que a dinámica política co asunto catalán tiña moito máis percorrido que os debates e as accións de cada quen, no marco do proceso electoral do 27 de setembro. Hoxe é mais doado facer aquela interpretación.
Teño que felicitar o independentismo catalán. Foron quen de establecer o seu campo de xogo. O españolismo non foi quen de termar da súa negativa plebiscitaria. Hoxe, mesmo os inquéritos, proxectan “resultados” de votos e representación parlamentar, tratando as eleccións como un plebiscito entre o si e o non á independencia de Cataluña. A estratexia defendida por Raxoi dun proceso electoral normal da autonomía catalán fixo auga. Outro tanto aconteceu á outra estratexia de reforma constitucional do PSOE para encaixar o “catalanismo” nunha España federada. Perdeu gas.
As declaracións destes días dos mandatarios (de Estado, organismos internacionais e institucións como a patronal, sindicatos, Banco de España, etc..), alén de confirmar o que estou a dicir, mostran un intervencionismo de moito calado. É ese o longo camiño que aínda terá que superar o independentismo catalán (e calquera outro que defenda que un pobo ten dereito a ser dono de seu) dentro do marco do Estado Español ou da Unión Europea.
“Menos mal” -din algúns- que logo do 27-S nas eleccións ao parlamento estatal atoparémonos diante dunha nova dinámica. Erro ! É mais: o que estamos a observar nestes días, cos pronunciamentos do “establisment” español e os poderes internacionais, lévame a reafirmarme no mesmo que expuña no devandito artigo: estamos diante dunha involución de moito carallo. Coidadiño!: sexa cal sexa o resultado do 27 de setembro, o españolismo insistirá moito nas súas prácticas para tratar de impoñer pola forza o campo de xogo da “legalidade vixente”; que ninguén dubide de que daquela o fará por todos os medios. Como consecuencia diso, manter a teses do período constituínte ou da negociación é unha posibilidade electoral. Pouco máis.
Non quero deixar pasar a oportunidade para facer unha pequena aclaración fuxindo da moda “do novo”. Eu son un vello na política, no senso que levo tempo baseándome nela para tratar de mudar a situación tanto no que atinxe a Galiza como á súa clase obreira, nas súas andainas e contradicións, tratando de interpretar axeitadamente o que está acontecendo moito mais aló dos procesos electorais e actuar en consecuencia. Nese camiñar, comprendín a necesidade de que as ferramentas para traballar precisaban dunha posta a punto que ía mais aló dun afiado ou dun pequeno amaño e tratei de facelo e aínda estou aquí para o contar.
Nos tempos que veñen , o nacionalismo galego precisa debater este asunto. Precisa facelo xa. Sé necesitamos unha nova ferramenta, construámola para dar respostas á situación que temos por diante.
Adiante, vell@s e nov@s! Teño a seguranza de que Galiza precisa de todos n@s.
Fermín Paz