Notas sobre Cataluña

A candidatura Junts pel Si celebrou o ecuador da campaña ás eleccións do 27S cun mitin en L’Hospitalet, unha cidade de poboación maioritariamente inmigrante. Alí falaron os principais persoeiros da agrupación, Raul Romeva, o número catro Artur Mas, o cinco Oriol Junqueras, e o seis Eduardo Reyes, líder de Súmate, un movemento formado por persoas procedentes doutras comunidades autónomas, tan adaptados e satisfeitos co país de adopción que se organizan para conseguir a independencia.

Por Xosé Manuel Sarille | Ourense | 08/10/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
En Súmate son maioritariamente castelán falantes, debido á procedencia, igual que moitos dos asistentes a ese mitin. Por mor diso o acto desenvolveuse en catalán e castelán, conducido por dous presentadores, un deles sindicalista da UGT, non catalán de orixe, que desde hai meses propugna a independencia.
 
Talvez o máis interesante da xornada foi o cordobés Eduardo Reyes, claro e directo, en castelán,  que dixo textualmente: o futuro témolo diante, e precisamente porque temos memoria e sabemos de onde vimos, e non queremos volver ao lugar de onde vimos, queremos ir cara adiante, cara o norte de Europa, onde merecemos estar. É aí onde queremos estar e onde imos estar. 
 
Houbo aplausos, pero non moi altos, porque as verdades crúas son pouco dixeríbeis. A de Reyes é a maior de todas as que circulan arestora. Baséase en que Cataluña é rica pero navega lenta polo lastro ao que está atada; desfacéndose del, e pasando as costuras que separan a Europa rica da menos rica desde o Perineo de Xirona e Lleida para o límite de Tarragona con Castellón e da Franxa aragonesa, pois Cataluña volvería ser rica e plena, como Dinamarca ou Holanda, dous países de dimensións semellantes.
 
A idea non perde valor por ser brusca e directa. Os fundamentos comúns a todas as nacións, lingua, historia, identidade, están ben asentados en Cataluña. O motor actual do proceso cara a independencia, o que suma novos votos é o que mencionou Reyes. Os novos independentistas sono porque están convencidos de que a medio prazo vivirán mellor nunha Cataluña independente que na autonómica actual, ou nunha federada. A participación aumentou o 27 de Setembro en trescentos mil votantes, dos cales a metade optaron pola independencia. 
 
Quen fai a afirmación de que Cataluña merece estar no norte de Europa é xa maior, seguramente sexa empresario, terá chegado sen nada, e terase asombrado coa próspera traxectoria del propio e coa da súa xente desde os anos setenta até a actualidade. Sabe por tanto que a potencialidade dun país non se mide con datos económicos de uso inmediato, útiles para a táctica.  
 
É o caso das cifras do déficit fiscal catalán, que Josep Borrell cuantifica en 2.000 millóns de euros anuais, mentres que os independentistas o soben deica 16.000. Artificio de economistas (duns e doutros) que Reyes con razón non valora como decisivo, porque el sabe que no longo prazo, un país como Cataluña voará con firmeza nas alturas de Europa ao desfacerse do lastro antedito. Á marxe das incertezas que se poidan producir na transición cara a independencia e nos anos posteriores, que poden significar un descenso do PIB, e un certo estancamento. 
 
Contan outras cousas, non sumábeis nin restábeis en ningunha carpeta económica, como a capacidade de tomar decisións desde as institucións catalás, sen que as españolas estorben para a boa navegación. Trátase de factores que non se poden contar en euros, a non ser que pasen moitos anos. 
 
Terán problema coa incerteza de axustes, non con que os bancos se vaian ir. Iso non se pode crer, é fantasía para inxenuos. No mitin foron claros niso. Fixeron unha advertencia implícita, como aceptando o desafío, postulando implicitamente a retirada masiva de contas en tal circunstancia, o cal diminuiría sensibelmente os fondos e debilitaría a tales empresas financeiras á hora de solicitarlle diñeiro barato ao Banco Central Europeo. Os bancos só teñen unha ideoloxía. 
 
Colocalos fóra da UE tampouco parece ser un bo espantallo. Iso sería forzalos a converterse no Singapur do Mediterráneo, como no seu día, en 1945, estiveron tentados de facer os EEUU con Sicilia. É unha posibilidade, remota pero que poden considerar.  
 
A estratexia de Reyes, baséase en que tanto Madrid como os familiares que deixou en Córdoba, espolian a Cataluña. Pouco amigos de traballar, aínda que non o diga (o vello líder de Unió teno dito sen recato) hai que subvencionar os andaluces, o cal lastra a nova patria de Eduardo, nación dinámica comparábel a Dinamarca. 
 
Puro egoísmo liberal, no que dun xeito ou doutro entran todos os partidos independentistas, porque todos se serven desta estratexia para aumentar a hexemonía, xa que a identidade en seco parece que non dá máis de si. Disto non libra nin a CUP, que sen compartir a cousa non ten máis remedio que deixarse deslizar suavemente por este tobogán económico, aproveitando que o Ebro desemboca á altura de Deltebre. 
 
ERC si que a comparte o da preguiza, foron eles os que importaron a tese da Liga Norte italiana, a de Roma ladroa, a do espolio do sur de Italia, vago e malandro, fronte ao Véneto, Lombardía e demais rexións-nacións ou o que foren, fabrís e disciplinadas. 
 
O experimento vai funcionando, ma non troppo. O independentismo necesitaba aumentar votos nas zonas de inmigración española, e algo fixo, pero o sorprendente, ou non tan sorprendente, é que en L`Hospitalet, Baix Llobregat e concellos semellantes, de tradición PSUC ou PSC, é dicir de esquerda, gañou Ciudadanos, o partido ideado e estimulado polo Banco de Sabadell, segundo afirma o prestixioso historiador Josep Fontana. 
 
O mesmo que en Nou Barris, a veciñanza barcelonesa máis castigada pola crise, o barrio inzado polos desafiuzamentos, votou por este partido da banca. A virxindade política cotiza alto, e os vellos votantes vermellos parece que xa non distinguen ben a dereita, aínda que descarten radicalmente o PP e un PSC desfeito.
 
Catalunya si que es pot, a plataforma de ICV e Podemos case non mollou en toda esa periferia, na que quixeron centrar a campaña, crendo que sería a ruína económica a que mobilizaría o persoal. 
 
A unidade, tan idealizada nestes tempos en Galicia, non funcionou en Cataluña. CiU e ERC obtiveron bastantes máis votos nas anteriores autonómicas indo cada unha polo seu lado, que xuntas agora. Cataluña si que es pot nin se aproximou aos votos de ICV nas anteriores autonómicas, e para máis INRI levaban a Podemos. Parece que hai matrimonios que en troca de sumar restan, aínda que os seareiros non o vexan así, os votantes si que o ven. 
 
Galicia fica definitivamente sen lebre. Fuxiu irremediabelmente polo horizonte, esvaeceuse na distancia. A lebre catalá que nos daba azos, nútrese agora dunha nova enerxía, que a nós non nos serve. Unha nova argumentación, moi poderosa, pero que de ningún xeito se pode admitir desde aquí. Choca de fronte coa que se debe extraer da realidade económica galega, do seu atraso e das súas causas. Consiste en asumir e defender que os territorios ricos detraen riqueza de países como Galicia en forma de materias primas ou man de obra barata, e que nunca se contabiliza nos balances de déficit fiscal. Os inmigrantes adquírense gratis, mais os pagamentos en impostos desde os territorios ricos son un espolio, segundo eles. 
 
Durante máis dun século Cataluña foi a principal referencia allea á hora de avanzar na toma de conciencia nacional de Galicia. A inspiración nas  leis catalás para elaborar as galegas, e a atención que desde sempre se prestou aos seus movementos políticos e culturais, parece que deixa paso a unha desconexión, aquí si, porque na cuestión social e cultural o dinamismo galego non é suficiente para emulalos e no económico as posicións de defensa de cada nación difiren extraordinariamente. 
 
Hai simpatía por unha nación que defende a súa identidade, por ese admirábel país, equilibrado, respectuoso, de trazos políticos impecábeis, que apenas conseguiu contaxiar coas súas formas a tanto pelo da devesa, o que nos tocará seguir aguantando en caso de que se vaian, só que sen eles todo será máis chato, difícil e primario. Quedaremos medio desamparados entre tanto bruto endomingado. Dito sen moita sorna. 
 
Por todas estas razóns non é fácil entender aos que desde Galicia dan chimpos de alegría coa posibilidade de que se independicen. É complicado avaliar as avantaxes que nos pode traer, sen que sexan as do puro sentimentalismo, un defecto pouco catalán por certo, que aquí se leva moito. A vertixinosa transformación política de Cataluña dificulta unha lectura clara. Parece que isto tamén é outro aviso para reinventarse. En troca desas Galeuzcas que nunca funcionaron vai haber que comezar a falar doutras cousas máis practicábeis.
 

Xosé Manuel Sarille