Times they are changin

Imaxínome a Bob Dylan sentado na praza do Obradoiro, escoitando como a chuvia golpea ese mar de pedra azoutado polo vento, chamado Compostela, e observando nas páxinas de algún xornal, como “eses celtas galegos” combaten a lóxica dos tempos que sen dúbida están mudando, a pesares da resistencia de políticos con minúscula que pensan que na tradición política está o mantra de autoprotección das cadeiras dun Sistema cada vez máis aborrecible.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 12/11/2015

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Dylan seguramente sacaría a súa harmónica e a súa guitarra, e como narrador combativo, faría unha versión adaptada a Galicia da súa mítica obra “Times they are changing”, e describiría unha sociedade desexosa dun cambio no que a cidadanía semella ir por un camiño diferente ao que oferta grande parte da súa clase política.
 
Galicia sobrevive a pesares dos embates sufridos por parte polos causantes da crise, que deixou polo camiño esperanzas dun futuro, xestionado dende Madrid, e non ben interpretado dende Montepío. Agora, cando asoma pola rendixa da nosa conciencia de pobo, unhas novas eleccións xerais, observamos como empezan a saír da madrigueira corifeos e outras malas herbas, dispostos a defender o indefendible para salvar a un goberno que aniquilou a esperanza de tantos e de xestión apócrifa para os intereses dos cidadáns que din defender. A necesidade de cambio no goberno do Estado e tal, que algúns estaríamos dispostos a que se visualizase que calquera alternativa pode ser posible, se parte das premisas de defensa a ultranza desta bendita terra. 
 
Dylan dicía na primeira estrofa desa canción que “Reunídevos ao meu arredor xente/ por onde queira que vaguedes/ e admitide que as augas do voso arredor medraron/ e aceptade que pronto estaredes calados até os osos”... semellaría unha boa estrofa para todos aqueles que se sintan identificado co movemento das “Mareas”, e cunha busca de rotura do Sistema, que a moitos parécenos aínda en fase de posibilidades embrionarias. Creo que os galegos debemos de aspirar a ter por primeira vez unha representación sólida, que nos afaste da periferia política, sen condicionantes dende Madrid, e que sexa o reflexo dunha sociedade que nunca tivo peso decisivo no debate do Estado. Esa é a modesta aposta de alguén coma min que defende os movementos municipais das “Mareas”, pero que para a representación nas Cortes aposta polos que somos coma Nós, galegos, e queremos por primeira vez mirar de fronte aos ollos dos que nos gobernan.
 
E claro, para todo iso, Dylan nesa sacra letra do poeta de Minnesota, tamén ten candela, e di “Imos, senadores e congresistas/ por favor presten atención á chamada/ non se queden na porta/ non bloqueen a entrada...
 
So unha candidatura galega garante o berro desesperado de defensa da nosa terra.
 
Ou non? 

Rafael Cuiña