Hai poucos días, Vox decidiu abandonar o goberno das cinco Comunidades Autónomas que compartía co PP, alegando o seu total desacordo coa decisión de trasladar á Península un cativo número dos menores inmigrantes residentes en Canarias.
A coincidencia temporal de ambas circunstancias convida a facer un exercicio de "historia contrafactual". Que tería ocorrido se, aquel 23-X do 2023, a suma dos escanos do PP e de Vox (ademais dos apoios de CC e de UPN) acadara a cifra dos 176 requiridos para investir a Feijoo como novo inquilino da Moncloa? Abascal e algúns mais do seu partido estarían no Consello de Ministros (o primeiro disfrutando dunha determinada vicepresidencia), e terían acordado un pacto de goberno non moi diferente do que estaban negociando e asinando naquelas CC.AA. onde podían establecer maiorías parlamentares.
Un hipotético executivo encabezado por Feijoo e Abascal debería enfrontar os importantes problemas que tivemos ocasión de constatar nos últimos meses: a situación de Cataluña, a evolución da cuestión inmigratoria, as encrucilladas xurdidas no seo da UE, a discusión sobre o sistema de financiamento autonómico, o debate sobre a redución da xornada laboral...Podemos imaxinar cales serían as políticas principais que se promoverían dende esa coalición gobernamental: pasividade e/ou reacción involutiva a respecto do conflito nacional catalán; tratamento da inmigración como un problema de inseguridade pública que merece actuacións represivas por parte das institucións estatais; inmobilismo total na temática do financiamento territorial; apoio ás posicións da CEOE nas discusións coas organizacións sindicais; derogación da lei de Memoria Democrática...
As consecuencias que se rexistrarían nas relacións sociais non presentan moitas dúbidas: medraría o clima de confrontación e aplicaríanse fortes medidas de coerción (coa eventual aprobación de novas normas lexislativas) por parte dos aparellos policiais e xudiciais do Estado. No caso concreto do escenario catalán estarían sobre a mesa iniciativas legais para recuperar algunhas disposicións eliminadas ou modificadas pola actual maioría parlamentar. Tamén se podería abrir a porta a unha reedición da aplicación do artigo 155 da Constitución para suspender temporalmente o exercicio do autogoberno por parte das institucións catalás.
Por que decidiu Vox rachar os pactos de goberno que tiña co PP nalgunhas CCAA? Poderíanse manexar dous tipos de razóns, dependendo da perspectiva temporal que se considere. A curto prazo, semella que Abascal quere neutralizar as eventuais transferencias electorais que se podan rexistrar cara a nova formación encabezada por Alvise (SAF), menos contaminada pola participación na xestión gobernamental e cunha retórica "antisistema" mais radical. Nun horizonte mais longo, Vox pode pretender reforzar algúns dos sinais fulcrais do seu ideario (singularmente, o rexeitamento da inmigración polo seu efecto disolvente sobre o modelo de identidade nacional española que defenden) para atopar acubillo na casa común da ultradereita europea que se está construíndo (con Le Pen e Orban como cabezas mais visíbeis) e, xa que logo, adquirir o status de futuros socios preferentes dun Trump vitorioso nos comicios de Novembro nos USA.
Estamos ante unha aposta arriscada do partido de Abascal. O éxito desta estratexia de renunciar agora a posicións de poder institucional para obter beneficios político-electorais a medio prazo vai depender de dous factores: o mantemento e/ou a mellora dos apoios sociais a este tipo de políticas ultradereitistas e a capacidade que demostre o PP para illar e/ou fagocitar o territorio electoral das formacións políticas colocadas no espazo mais extremista da dereita política.
O partido de Feijoo recibe un agasallo imprevisto co abandono das posicións gobernamentais de Vox pero ten unha asignatura pendente dende hai algúns anos: clarexar se quere ter unha liña política e ideolóxica nitidamente diferenciada dos que foron -ou seguen sendo- os seus socios en gobernos municipais e autonómicos ou se pretende facer seguidismo das políticas do grupo de Abascal. Do PP só se escoita o seu "antisanchismo" obsesivo pero non se coñece un proxecto alternativo suficientemente sistematizado en materias tan relevantes como a inmigración, o modelo territorial do Estado español, a construción da UE ou as prioridades económicas. O ex-presidente da Xunta ou non sabe ou non resposta: só agarda que o desgaste e a división da actual maioría parlamentar lle abra as portas da Moncloa.
Xesús Veiga