Nas conversas e negociacións rexistradas nas últimas semanas constatouse que Junts só aceitaba a hipótese de que o PSC permitira a investidura de Puigdemont, sacrificando a candidatura de Illa, a cambio do apoio dos deputados e deputadas de Junts no Congreso ao goberno que preside Pedro Sánchez. Ante a inviabilidade dun pacto baseado en semellante proposta, a formación herdeira da vella Convergencia (CDC) apostou por unha repetición electoral que, aproveitando a posición belixerante do Tribunal Supremo contra a aplicación integral da lei de amnistía aprobada no Parlamento estatal, provocase un maior debilitamento de ERC.
A actuación desenvolvida por Puigdemont o día da investidura de Salvador Illa ilustra significativamente sobre a combinación de factores que están operando na política catalá. Partindo da arbitraria e antidemocrática decisión adoptada polos xuíces do Tribunal Supremo encargados de aplicar a lei de amnistía, a máxima cabeza visíbel de Junts deseñou unha estratexia que tiña como obxectivo principal desacreditar o labor dos responsábeis políticos do goberno de ERC encargados da xestión dos Mossos de Esquadra. Incumprindo a súa promesa de participar na sesión de investidura aínda que tivera que pagar o prezo dunha eventual detención, o ex-president da Generalitat demostrou a súa desconexión coa actual realidade social catalá (o número de asistentes ao seu acto foi moi inferior ao que resultaba habitual en convocatorias anteriores) e a súa renuncia a unha política construtiva en favor dunha maior unidade dos distintos segmentos independentistas.
O acordo entre PSC, ERC e Comúns ten propiciado a investidura de Salvador Illa e o comezo dunha nova andaina no goberno da Generalitat despois de sucesivos executivos encabezados, dende o ano 2010, polos nacionalistas Artur Mas, Carles Puigdemont, Quim Torra e Pere Aragonés. Estamos, pois, ante a materialización dun cambio de ciclo: por primeira vez, dende que no ano 1980 comezaron a funcionar as institucións contempladas no Estatut, non hai presenza gobernamental de forzas nacionalistas aínda que si figuran persoas que foron ou son referentes nese espazo político. Nun futuro non moi lonxano podería conformarse un tripartito coa explícita participación de ERC e Comúns. Polo momento hai un compromiso común de carácter programático que pivota, prioritariamente, sobre un novo financiamento público da Generalitat e a posta en práctica de medidas en materia lingüística.
Cando se concreten algúns aspectos pendentes de cuantificación poderán analizarse, con rigor, as consecuencias deste pacto no financiamento das restantes CC.AA. Mentres, resulta indiscutíbel a dimensión política singular do sucedido. Despois de mais dunha década de máxima polarización política en Cataluña por mor da incapacidade para atopar puntos de encontro entre as forzas partidarias e contrarias a un proceso de independencia, hoxe semella que se pode abrir un camiño compartido por sectores de ambos universos. Non haberá, a curto prazo, un referendo decisorio sobre a constitución dunha Cataluña independente pero tampouco existirá un continuísmo puro e duro das políticas practicadas polo PP até o ano 2018.O que latexa no fondo do acordo subscrito por PSC, ERC e Comúns é unha nova lectura do texto constitucional mais congruente co carácter plurinacional do Estado e mais ambiciosa nos contidos do sistema de autogoberno deseñado nesa norma. Certamente, o ideal sería proceder a unha reforma completa da "lei de leis" pero, hoxe por hoxe, non se dan as condicións políticas requiridas para semellante tarefa.
Antes de que remate este ano, coñeceremos algunhas respostas ás importantes incógnitas que agora mesmo están enriba da mesa: que decisións tomará Junts na súa vindeira Asemblea? Como resolverá ERC as serias divisións internas que padece? Cal será a reacción das organizacións territoriais do PSOE ante o "financiamento singular" pactado en Cataluña?
Onde non existe dúbida é no mundo do PP. Haberá novas versións do "España se rompe" e de "Cataluña nos roba". Da igual que Feijoo afirmara, no ano 2016, que se podería falar dun "concerto" para Cataluña ou que González Pons diga agora que con Junts non terían problemas en pactar "dentro da Constitución". Mentres Ayuso e Abascal segan exercendo de "vixiantes" da ortodoxia, o PP seguirá desconectado da maioría da sociedade catalá agardando por unha vitoria electoral no último minuto ou na prorroga.
Xesús Veiga