Un grupo político que leva tanto tempo xestionando a Administración galega non pode alegar ignorancia. Sabe o que ten entre as súas mans e tamén coñece a historia dos custes electorais asociados ás sucesivas experiencias de goberno das últimas décadas. O sucedido entre Abril de 2022 e Febreiro de 2024 foi, sen dúbida, unha boa fonte de aprendizaxe: a pesar de que a operación de substitución de Feijoo por Rueda presentaba uns elevados niveis de risco para o PP, foi solventada con éxito por mor da combinación da máxima mobilización dos recursos acumulados durante a prolongada estancia no poder e as eivas non corrixidas no campo da oposición (primordialmente no espazo electoral socialista).
Durante varios anos (antes e despois do abandono de M. Rajoy da primeira liña da política), Feijoo utilizou a presidencia da Xunta como ferramenta para acadar a máxima relevancia na estrutura estatal do seu partido. Despois de renunciar a competir con Saenz de Santamaría e os demais candidatos no ano 2018, A. Núñez aproveitou o seus status institucional para buscar unha imaxe de político "centrista" capaz de comprender as realidades nacionais existentes no Estado español e, xa que logo, non homologábel ao talante "duro e radical" do novo líder, Pablo Casado. No momento actual, a situación mudou: Alfonso Rueda non ten como obxectivo acadar a xefatura estatal do PP e só desexa consolidar o seu liderado na organización galega para neutralizar os plans alternativos que podan ter os seus rivais internos. Desaparece, polo tanto, a necesidade de escenificar un perfil diferenciado a respecto de Feijoo, tarefa que, polo demais, resultaría pouco críbel nunha persoa que foi, durante moitos anos, o seu complemento subordinado na xestión da Administración galega.
O novo goberno galego está sendo totalmente previsíbel. Actúa seguindo o guión deseñado nos despachos da rúa Génova: a responsabilidade principal de todo o que acontece radica en Pedro Sánchez e no seu goberno. Cando se fala do financiamento da Facenda galega, no canto de facer valer o apoio electoral recibido en Febreiro para demandar un sistema mais satisfactorio coas necesidades da maioría social, Rueda apúntase con entusiasmo á campaña contra o acordo subscrito entre o PSC e ERC. Se o Consello da Xuventude publica un informe no que se constata o baixo índice de emancipación familiar da mocidade como consecuencia dos baixos salarios e dos prezos abusivos dos alugueres das vivendas, o goberno de San Caetano garda un estrondoso silencio porque, supostamente, iso non vai con eles. Se o IPC sobe mais na Galiza que no resto das CC.AA. (singularmente, os prezos dos alimentos), o presidente da Xunta pasa de opinar e de actuar. De non ser por outras forzas que operan no tecido social e no escenario político, a mensaxe que se derivaría desa lóxica empregada por A. Rueda sería a de menosprezar a capacidade do autogoberno existente para enfrontar os problemas da cidadanía.
Nos vindeiros meses, o novo Executivo vai ter dous test moi significativos para demostrar, definitivamente, as súas intencións: o proxecto de lei sobre os medios públicos de comunicación audiovisual e as decisións relativas á pretendida instalación de Altri no concello de Palas. Se non atende ás opinións críticas procedentes dos sectores mais directamente involucrados en ambas cuestións e segue invocando, como único argumento, a obtención da última maioría absoluta electoral, a lexislatura ficará practicamente rematada para calquera expectativa de renovación das vellas prácticas que xa coñecemos.
A oposición política -BNG e PSdG- ten por diante un horizonte complicado. Necesita facer o seu labor coas maiores doses de paciencia e creatividade para ir tecendo un estado de ánimo no corpo social que permuta alimentar as esperanzas nun cambio que non foi posíbel acadar neste pasado inverno.
Xesús Veiga