O poder destrutor do estado de Israel

Realizar análises sobre os acontecementos rexistrados dende o 7 de Outubro de 2023 nos territorios de Gaza, de Cisxordania e, mais recentemente, do Líbano, require asumir a incomodidade de formular xuízos explicativos racionais sobre unha inxente acumulación de perdas de vidas humanas e destrución de recursos materiais imprescindíbeis para asegurar a existencia digna de milleiros de persoas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 22/10/2024

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Falando con rigor, o que está pasando nesa zona xeográfica non é totalmente novidoso aínda que presenta algunhas características non coñecidas anteriormente. O conflito entre o Estado de Israel, Palestina e distintos países árabes ten unha notoria lonxevidade histórica. Como é sabido, un dos puntos de partida dese enfrontamento foi o propio nacemento do Estado israelita -despois do remate da segunda guerra mundial- mediante o desprazamento e marxinación da comunidade palestina.
 
Durante varias décadas, sucedéronse confrontacións bélicas no contexto da bipolaridade xeopolítica entre os USA e a URSS. Israel contou sempre co apoio loxístico, financeiro e político da grande maioría do bloque occidental e, nalgunhas ocasións, beneficiouse indirectamente da insuficiente unidade protagonizada polos diferentes Estados árabes. A pesar da existencia de varias resolucións adoptadas pola ONU, os gobernantes israelitas non cumpriron consecuentemente co que se estipulaba nos mandatos do organismo que, paradoxalmente, promovera a propia existencia oficial do Estado que presidían.
 
Coa perspectiva que proporciona o tempo transcorrido, poderían sinalarse algúns dos mais relevantes elementos comúns que se teñen constatado durante todos eses anos: 1) o uso da violencia como ferramenta prioritaria das autoridades de Israel para manter ou mudar unha determinada correlación de forzas naquela contorna xeográfica, subordinando as iniciativas diplomáticas á evolución das accións militares; 2) o apoio básico da Administración norteamericana (encabezada polo Partido Republicano ou polo Demócrata) ás liñas fulcrais adoptadas polos dirixentes israelitas nas distintas fases dos enfrontamentos bélicos; 3) a incapacidade da UE para definir unha política común e autónoma sobre o conflito por mor das importantes diverxencias entre os seus Estados membros; 4) o fracaso da ONU para facer valer o contido das sucesivas relacións aprobadas condenando as violacións da legalidade internacional cometidas polo Estado de Israel.
 
Dende Outubro do ano pasado foron tomando corpo novas realidades neste vello conflito. Destaquemos algunhas: 1) conformación do goberno mais extremista en Israel cunha actuación práctica guiada por unha lóxica xenocida contra a poboación de Gaza; 2) perda de protagonismo da Autoridade Nacional Palestina (a prolongación histórica da OLP) no deseño da estratexia de confrontación coas políticas de Netanyahu e ratificación de Hamás e Hezbolá como referentes principais da resistencia contra o expansionismo sionista; 3) esmorecemento do papel desempeñado hai 30 ou 40 anos por unha boa parte dos Estados árabes de maior peso específico, e constatación da decisiva influenza da República Islámica de Irán -que está construída sobre unha arquitectura legal que violenta gravemente os dereitos básicos das mulleres- nos grupos armados que combaten nos territorios palestinos e no Líbano. 
 
A dupla circunstancia derivada da práctica desaparición de Iraq, Siria e Libia como Estados consistentes (que, polo demais, carecían dunha adscrición oficial a unha das relixións presentes na rexión) e do grande debilitamento experimentado pola OLP (unha organización laica apoiada, entre outras, por distintas formacións da esquerda occidental) ten favorecido o reforzamento da hexemonía do Estado de Israel. O nivel de impunidade co que está actuando Netanyahu nos últimos meses é consecuencia desa nova correlación de forzas que se engade á tolerancia cómplice das autoridades norteamericanas, á inhibición de varios países da UE e á impotencia demostrada polos organismos internacionais.
 
Estamos asistindo a unha insoportábel e obscena demostración do poder destrutor dun Estado cuxos dirixentes creen estar lexitimados pola vontade do seu Deus e pola historia. Non sabemos se as sociedades que están sendo vítimas dese poder fanático van ser quen de parar a deriva actual e conseguir -co apoio solidario de amplos sectores da comunidade internacional- unha nova orde na que podan convivir pacificamente todas as nacións e relixións que habitan aquelas terras.

Xesús Veiga



A activista palestina Ahed Tamimi é retida por soldados de Israel / identi.ca

Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.