CRTVG: A historia dunha frustración

No vindeiro 2025 cumpriranse 40 anos da creación da Radio e da TV galegas. Naquel lonxano 1985, estes medios de comunicación públicos nacían cun obxectivo básico: contribuír á normalización da lingua e da cultura dun País que viña de atravesar a longa noite da ditadura franquista.

Por Xesús Veiga | Compostela | 14/12/2024

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
Ademais, o nacemento da CRTVG posibilitaba a existencia dunha ferramenta pública audiovisual que debería afortalar un espazo propio de comunicación ao servizo da pluralidade da sociedade galega. Naquela altura, o reto que debía acometer esta iniciativa (cun formato xurídico de sociedade pública e cun financiamento dependente dos Orzamentos da Comunidade Autónoma) tiña unha dupla dimensión: promover e/ou difundir as producións culturais en lingua galega e actuar cuns códigos de conduta afastados do control gobernamental partidista, na liña das mellores tradicións existentes no ámbito europeo (a BBC, singularmente).
 
Como é sabido, durante estas catro décadas, o PP só deixou de administrar o goberno da Xunta en dúas ocasións: no ano 1987, como consecuencia dunha moción de censura acordada polo PSdG, CG (onde se encadraba Xosé Luis Barreiro e outros dirixentes que abandonaron a disciplina do PP presidido por Albor) e PNG (conformado a partir da ruptura da propia Coalición Galega); e, posteriormente, no ano 2005, por mor da perda da maioría absoluta de Fraga e a formación dun goberno bipartito encabezado por Touriño e Quintana. A conclusión resulta, pois, pertinente: a responsabilidade principal do que ten acontecido coa CRTVG reside no partido que hoxe segue dirixindo as institucións do autogoberno galego. O Executivo do PSdG-BNG, á marxe das insuficiencias que se puideran sinalar a respecto da xestión neste eido, non tivo tempo para mudar totalmente as eivas e inercias herdadas de Fraga e de quen foi un dos seus brazos executores mais determinantes no control dos medios de comunicación (o conselleiro Pérez Varela).
 
Nas últimas semanas temos asistido a diversas xornadas de folga e mobilización promovidas polos representantes sindicais do persoal da radio e da televisión públicas. Reivindicaron o cumprimento de dúas premisas básicas nun ente destas características: o respecto innegociábel do pluralismo no seu funcionamento e o mantemento do seu carácter público, incompatíbel con prácticas privatizadoras na xestión dos recursos materiais e humanos. Ademais, un conxunto de organizacións sociais e cívicas están demandando un cambio nas reformas lexislativas que pretende desenvolver o PP, para evitar a consolidación e reforzamento do control gobernamental sobre estes medios públicos.
 
Estamos ante unha situación xa coñecida noutros momentos da nosa historia. Os sectores que defenden a existencia dun medios de comunicación públicos e plurais teñen a razón da súa parte pero non dispoñen da forza necesaria para acadar semellante obxectivo. Fundamentalmente, por dúas razóns: polo uso que ven facendo o PP da maioría absoluta que posúe no Parlamento galego e pola insuficiente acumulación e activación dos apoios en favor dun cambio substancial no rumbo que esta a seguir a CRTVG. Noutras palabras: o nivel de manipulación partidista que coñecemos dende hai anos nos medios públicos galegos non sería tolerado pola maioría do corpo social británico a respecto da BBC. Esta diferenza na calidade da cultura democrática vixente en cada caso explica, nunha boa medida, a discrecionalidade autoritaria coa que actúa o goberno de Rueda (e antes, o de Feijoo).
 

Xesús Veiga



Traballadores da CRTVG maniféstanse en Santiago de Compostela "en defensa dous medios públicos". Praza de Praterías. Santiago de Compostela / ÁLVARO BALLESTEROS - Arquivo

Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.