Por Xesús Veiga | Compostela | 03/03/2016
Era imaxinábel, hai 3 ou 4 anos, que o voceiro galego do PP emitira unha mensaxe con desexos de sorte e de “recuperación da identidade” aos novos dirixentes elixidos nunha Asemblea do BNG?Qué faría daquela o PPdG se tivera que avaliar unha cita da organización nacionalista na que se aprobaran resolucións pedindo a liberdade de Otegui e apoiando o proceso independentista de Catalunya?Por moito menos que iso, os responsábeis do PP e as súas terminais mediáticas emprendían unha campaña de feroz criminalización da fronte nacionalista.
A explicación a esta novidosa e sorprendente exhibición de “buenismo” a respecto do BNG hai que buscala na desesperación que debe estar invadindo os despachos de Feijoo e da súa equipa.Cheiran a derrota nos comicios ao Parlamento do Hórreo e queren aproveitar ao máximo as oportunidades que lle ofrecen os seus adversarios.Se poden contribuír á división do voto que se move no espazo da Marea e do BNG, moito mellor.Evitar a optimización que se derivaría dunha confluencia multiplicadora entre os segmentos nacionalistas e aqueles sectores da esquerda estatal ubicados á marxe do PSOE, é un obxectivo da máxima prioridade para os que manexan o aparato “popular”.
“Divide e vencerás” é unha vella máxima que xa foi utilizada por Feijoo na campaña que precedeu aos comicios do ano 2012.Naquela conxuntura, a comparecencia de AGE e de CxG –opcións creadas a partir da división nacionalista provocada pola Asemblea de Amio- facilitaba a execución de semellante táctica.Agora queren repetir a experiencia para obter un resultado satisfactorio.Repetirase a historia?A pesar de que o desgaste electoral do PP é, agora, sensibelmente superior, todo vai depender dos acertos e dos erros que cometan as forzas políticas da oposición.A carencia dun liderado consistente no PSdG, as liortas e incertidumes que se rexistran no seo da Marea e as decisións adoptadas na recente Asemblea do BNG provocan, a esta altura, mais desacougo do que sería desexábel.Está en xogo a continuidade da prolongada hexemonía electoral do PPdG.Que ninguén esqueza esta circunstancia.Non se poderá alegar ignorancia para fuxir das responsabilidades do fracaso.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting