A decisión de Feijóo

Durante os últimos meses, Alberto Núñez Feijoo semellaba ser o protagonista dun filme de suspense a respecto da súa decisión final sobre unha nova candidatura á presidencia da Xunta.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/04/2016

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Hai quen pensa que todo foi unha premeditada campaña publicitaria para vender con mais rendibilidade unha opción xa tomada dende o principio.Non acredito nesta visión tan benevolente co suposto maquiavelismo do presidente do PPdG.Estamos sen dúbida ante un dirixente político moi ambicioso, extraordinariamente alérxico a calquera estratexia que non asegure, cunha grande probabilidade, a súa vitoria persoal e afeccionado ás sobreactuacións mediáticas.Sendo todo iso certo, tamén é verdade que, nesta ocasión, Feijoo non tiña como alternativa prioritaria recuncar como candidato a presidir o goberno galego.Pola combinación de dúas razóns:as poucas garantías para repetir os resultados acadados nos comicios de 2009 e de 2012 e o irresistíbel desexo de culminar a súa carreira como figura emerxente do PP estatal.O inmobilismo patolóxico de Rajoy –ademais das fotos con Marcial Dorado- atrancaron, polo momento, a ruta cara á rúa Génova e, no seu caso, á Moncloa.Constatada esa imposibilidade, podía buscar unha saída na empresa privada apelando á promesa de non sobordar os dous mandatos presidenciais ou aceitar as abondosas peticións dos cadros do seu partido para tratar de frear a erosión electoral certificada nas últimas municipais.

Aínda que o da porta xiratoria empresarial tivera algo de farol coa intención de presionar ao “marianismo” gobernante, o problema desa fuxida non era cativo:a eventual desfeita electoral do PPdG ficaría, para sempre, no debe do seu currículo e pecharía definitivamente o camiño de volta á política de ámbito estatal.Xa que logo, Feijoo ficou prisioneiro do cesarismo que tanto cultivou na última década.E como dirixe un partido que non acredita na importancia de promover a rexeneración democrática, era imposíbel agardar un comportamento coherente a respecto do compromiso adquirido de non concorrer a un terceiro mandato.O espectáculo ofrecido por dirixentes provinciais e locais do PP foi revelador da febleza asociada á indiscutíbel fortaleza derivada da implantación territorial e sectorial deste partido:todos pediron que Alberto, o Mesías, non os deixara orfos na vindeira cita electoral.A posibilidade dunha derrota excitou as seculares dependencias que caracterizan o adn desta formación política.As cadeiras de San Caetano valen moito mais que cumprir a promesa dos 8 anos.Manter o poder:velaí o obxectivo que mobiliza a todo o aparato “popular”.Sobre todo cando, como agora, hai mais dúbidas que nunca sobre a viabilidade de tal obxectivo.

Na calculadora do inquilino de Montepío, a fixación da data estará condicionada á eventual repetición das elección estatais.A coincidencia, nesta ocasión, non é bo negocio para quen, como Feijoo, ten acumulado un menor desgaste do que posúe Rajoy.A menos que Iñigo Urkullu adiante as eleccións vascas, outono será o previsíbel horizonte dunha consulta que permitirá avaliar a capacidade de atracción dos distintos segmentos (Mareas, PSdG,BNG) que conforman os vimbios dunha potencial alternativa de goberno.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.