Por Xesús Veiga | Compostela | 27/05/2016
A pesar do tempo transcorrido, lembro ben a figura daquel gobernador civil da UCD.E non precisamente polo catálogo de luces que enumera o xornal editado en Sabón.Gómez Aguerre foi o brazo executor dunha decisión gobernamental que impediu, a partir de 1980, a entrada das manifestacións do Dia da Patria na zona monumental de Compostela.Semellante prohibición pretendía neutralizar o medre da capacidade mobilizadora que estaba demostrando o movemento nacionalista nunha data tan significada.A forte presenza policial exhibida naqueles anos non foi quen de conseguir o efecto disuasorio que buscaba mais provocou evidentes limitacións ao exercicio da liberdade de expresión e notábeis molestias aos cidadáns que acudían ás festas patronais de Santiago.Curiosamente, a sombra represiva de Gómez Aguerre fixo acto de presenza o 25 de Xullo de 1983 cando Domingo Ferreiro -o primeiro gobernador civil nomeado polo executivo presidido por Felipe González- autorizou unha durísima carga policial contra os manifestantes que ocupaban a Praza de Galiza.A partir de 1984, as autoridades retiraron as prohibicións e a Quintana recuperou o seu papel simbólico na celebración do Día da Patria.
Pedro Gómez Aguerre foi moi dilixente na utilización das multas gobernativas como ferramenta punitiva para neutralizar a todas as persoas organizadas que pretendiamos ir mais alá dos reducidos limites nos que se movía a transición política que pilotaba a UCD.Seguramente, este gobernador civil non foi especialmente orixinal no cometido da súa función mais calquera descrición histórica que pretenda ser respectuosa dos acontecementos realmente rexistrados non pode obviar a dimensión antidemocrática de moitas decisións emanadas dende aqueles despachos onde se exercía o poder con indisimulada contundencia.
Non pasaron tantos anos.A historia dos persoeiros públicos debe ser contada sen mutilacións.Con luz e taquígrafos.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting