Por Xesús Veiga | Compostela | 01/08/2016
Polo momento, o PP vai gañando a batalla da opinión pública a respecto do que debe suceder para desbloquear o enguedello derivado das eleccións do pasado 26-X.Utilizando o amplo desacougo que provoca unha eventual repetición das eleccións, proxecta o dedo acusador sobre Rivera e Sánchez e, implicitamente, propón un contrato de adhesión que permita, inmediatamente, a súa investidura no Congreso dos Deputados.Nesta estratexia conta co apoio explícito ou tácito de moitos analistas mediáticos que prefiren insistir nas incoherencias e/ou nas ambicións esaxeradas dos dirixentes de C’s e do PSOE para non ter que criticar o intolerábel despropósito que supón a candidatura do presidente dun partido que está imputado –como tal organización- pola comisión de importantes delitos.Rajoy é intocábel porque encabezou a lista mais votada e os demais deben acatar semellante designio das urnas ou abandonar a primeira liña da vida política.Velaí a sentenza destes “ilustres” opinadores.
Os dirixentes socialistas teñen bastante responsabilidade na xestación deste clima favorábel ás teses dos “hooligans” marianistas.Queren fuxir dos custes asociados a unhas terceiras eleccións e, ao mesmo tempo, renuncian á construción dunha alternativa gobernamental ao PP a través dun acordo con Unidos Podemos, as confluencias e as formacións nacionalistas de Euskadi e Catalunya.Mais aínda:tratan de presionar ao actual inquilino da Moncloa mediante o argumento falaz de que hai grandes denominadores comúns entre PP, C’s, a vella CDC, PNV e Coalición Canaria.Tal e como está a situación política catalana, que alguén sosteña a tese de que resulta verosímil un pacto de investidura ou de gobernabilidade entre Rajoy e Mas é un insulto á intelixencia e unha coartada moi deficiente para xustificar a falta de vontade que habita na sede socialista de Ferraz.Pedro Sánchez debería saber que o vello bipartidismo xa non existe e que hoxe é precisa outra lóxica pactista para resolver a complexidade da nova realidade parlamentaria.Podería, en todo caso, recuperar unha experiencia moi valiosa daqueles tempos de González e Zapatero:para enfrontar a gobernabilidade deste Estado é necesario contar coa colaboración de forzas como o PNV, o partido sucesor de Convergencia e ERC.Se non o fai, a súa derrota estratéxica está servida.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting