Por Xesús Veiga | Compostela | 12/09/2016
Xa sabía que para o presidente en funcións a loita contra a corrupción e pola rexeneración do sistema democrático só constitúe unha apelación retórica que debe figurar, obrigatoriamente, no discurso politicamente correcto dos tempos actuais.Pero ante o sucedido nestes días, caben dúas hipóteses explicativas:ou Rajoy e os seus asesores habitan nunha burbulla que os desconecta dos estados de opinión existentes en amplos sectores do corpo social a respecto do comportamento maioritario da elite política ou estamos en presenza dunha provocación deliberada para destruír as poucas pontes que poden posibilitar un acordo do PP con aqueles partidos (C’s, PSOE,CC,PNV) que poden facer viábel a investidura do actual presidente en funcións e, xa que logo, abrir ás portas a unhas novas eleccións en Decembro que reforcen a posición parlamentaria do partido de Rajoy.
Na Moncloa pensaron que a proposta de Soria –feita con premeditación e nocturnidade- non ía supor un custe electoral relevante nos comicios galegos.Pola reacción de Feijoo –morna, a pesar de todo- non semella que houbera sintonía completa entre o “staff” de Mariano e o de Montepío.A decisión revela, en calquera caso, a sensación de impunidade que segue instalada no núcleo duro dos dirixentes estatais do PP.Calculan que a corrupción xa lles pasou a meirande parte da potencial factura electoral e que só teñen problemas de axustes de contas entre os distintos clanes que habitan nas estancias do poder.
Nunca saberemos que tería acontecido o 25 de Setembro con Soria colocado na directiva do Banco Mundial.A obrigada rectificación e os insultantes argumentos utilizados na súa xustificación non deberían evitar a esixíbel penalización dunha parte do electorado “popular” mediante a abstención ou mesmo a transferencia do apoio ás candidaturas de C’s.Se, finalmente, non é así, teremos que certificar a complicidade dos votantes de Feijoo con estas prácticas impresentábeis e constatar a fondura da doenza moral que afecta a un segmento moi significativo do corpo social da nosa nación.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting