Por Xesús Veiga | Galicia | 14/11/2009
Resulta kafkiano que o ERE aplicado nos últimos anos na RTVE propiciara a xubilación anticipada de moitos profesionais que tiñan unha contrastada capacidade de traballo e agora teñamos que asistir a esta mostra de despotismo non ilustrado dos máximos responsábeis do PSOE e do PP. En realidade, xa coñeciamos estas prácticas discrecionais na selección das persoas integrantes dos Consellos de Administración dos entes radiotelevisivos, tivesen a sede en Madrid ou en Santiago. A letra e o espírito das leis creadoras destes organismos sempre ficaron subordinadas á lóxica suprema dos intereses partidarios que estableceron, en cada momento, os cumios dirixentes sen que, lamentabelmente, se teñan escoitado voces críticas significativas no interior das forzas políticas respectivas.
Por outra banda, a renuncia de Luís Fernández abre un serio interrogante sobre a viabilidade duns medios públicos de calidade como consecuencia das novidades normativas en materia publicitaria.Se a perspectiva vai ser unha radio e unha televisión -españolas ou galegas- con menor marxe de manobra para tratar de neutralizar a permanente tentación gobernamentalizadora dos grandes aparatos partidarios, qué garantías van existir para o exercicio dunha real pluralidade informativa, non dependente dos intereses dos grupos mediáticos privados?
Se o goberno bipartito non foi quen de aprobar esta asignatura nos tres anos e medio de estancia en San Caetano, o PP non semella ter presa por facer o que non quixo acometer durante mais de quince anos.Saben que é un asunto que non está entre as preocupacións prioritarias da grande maioría do seu electorado.
Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting