Por Xesús Veiga | Galicia | 27/11/2009
No contexto interno derivado desa resaca electoral ten lugar o proceso de xestación da corrente "Mais BNG" que ven de nacer formalmente o 21 de Novembro en Compostela.Na miña opinión, este proceso representa unha expresión acaída de dúas actitudes básicas que debe asumir o nacionalismo galego no novo escenario político: realismo para asumir, sen prepotencia, o veredicto popular do 1-M e ambición para tecer unha nova relación co universo humano que pode sintonizar coas propostas de construción nacional e de transformación social que forman parte do patrimonio programático común do BNG.
A composición plural da corrente "Mais BNG" é unha garantía da súa capacidade real para contribuír á recuperación do clima de cooperación e consenso na vida interna da organización frontista.O propio nacemento desta corrente é un exemplo práctico de cómo se pode xestionar a lóxica diversidade de ideas e de intereses dende o respecto mutuo e sen recorrer sistematicamente á democracia aritmética ou á invocación de lexitimidades fundacionais.
Todas as persoas e grupos que formamos parte do BNG deberiamos aceitar a existencia de diversas formas de entender e desenvolver o ideario común e asumir, sen reservas, que todas elas son igualmente lexítimas. Postular que hai un círculo de posuidores dunhas supostas esencias do BNG ou defender a permanencia dun grupo cerrado de administradores exclusivos da herdanza histórica do nacionalismo galego supón practicar o que se contiña na vella máxima de que o camiño do inferno está empedrado de boas intencións.Obviamente, o inferno sería aquí o illamento social da organización nacionalista.
Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting