Por Xesús Veiga | Galicia | 12/12/2009
A pesar das nosas notábeis diferenzas sobre o proceso seguido na transición posfranquista, polemizabamos con bastante respecto mutuo...ate que chegou o 23-F.A partir dese momento, a dureza verbal dos seus reproches experimentou un medre proporcional á transcendencia do acontecido no Congreso dos Deputados e nos despachos das xerarquías militares.A culpa do sucedido tiñámola as organizacións da "extrema esquerda" por non ter aceitado os termos do pacto constitucional.Naqueles días non escoitei, no bar de Económicas, ningunha reflexión autocrítica dos membros do Partido Comunista e tiven a sensación de ter sido elixido como "chivo expiatorio" do que era, sen dúbida, a expresión menos presentábel da supostamente exemplar transición política española.
A forte e grave descualificación do BNG realizada polo ex-presidente Touriño na conferencia promovida pola Fundación Iniciativas XXI semella respostar á mesma pretensión de identificar -na periferia próxima- un responsábel principal da desfeita política rexistrada o pasado 1-M.O recoñecemento do seu fracaso no obxectivo de evitar as confrontacións internas entre os socios gobernamentais foi formulado dende unha óptica presidencialista mais que dende a lóxica dun liderado inevitabelmente compartido.
No catálogo de erros propios non figurou o mais determinante:a pretensión -pouco realista e perigosamente sectaria- de superar a coalición iniciada no 2005 mediante a minoración do peso político e social do BNG.Por iso, no canto de facer unha apoloxía pública das vantaxes que ofrece un modelo de goberno compartido, mais representativo da pluralidade social e menos sometido ás tentacións totalitarias no exercicio do seu labor, optou por deixar constancia do seu malestar anterior e presente.
A experiencia do bipartito é un libro que seguirá aberto moito tempo para aprender dos acertos e dos erros cometidos por cada unha das forzas asociadas.Afortunadamente, non é o catecismo -relixioso ou laico- que nos ofrece o PP, antes con Fraga e agora con Feijoo.
Xesús Veiga Buxán é profesor na Facultade de Económicas da USC e ex deputado do BNG no Parlamento galego.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting