En realidade, a illa case nunca deixou de ser o centro da atención pública dende o trunfo da revolución encabezada por Fidel Castro.Para os sucesivos gobernos norteamericanos a destrución do novo sistema político nacido en 1959 constituíu unha permanente obsesión que propiciou a posta en funcionamento de diversas estratexias desestabilizadoras e agresivas.Para a totalidade das persoas procedentes da esquerda de orientación comunista e para unha parte importante dos sectores de tradición socialdemócrata, Cuba foi algo mais que un réxime político xurdido da revolta popular contra o goberno de Batista.Foi, sobre todo, un símbolo da afirmación dun pequeno país fronte ao hexemonismo dos USA.Foi, tamén, a terra que xerou dous mitos revolucionarios moi importantes do século XX:Ernesto “Che” Guevara e Fidel Castro.
O problema dos símbolos é que, habitualmente, sobordan o territorio do racional e sitúanse nun ámbito –o dos sentimentos- que non propicia unha discusión construtiva.Para unha parte da esquerda que procede da tradición comunista, o réxime político cubano foi merecedor dun apoio incondicional.Calquera expresión que cuestionase algún aspecto da realidade social da illa caribeña foi descualificada como unha intolerábel equidistancia entre a valoración do poder que administrou o Partido Comunista Cubano e o sistema político vixente nos EE.UU.
Para esta esquerda, nas décadas anteriores á caída do muro de Berlín (1989), todo encaixaba nun aparente círculo virtuoso:Cuba formaba parte do amplo “campo socialista” que dirixía a URSS.A intervención militar do Exército soviético na Checoslovaquia de 1968 ou a propia traxectoria debuxada polo mandato de Stalin mereceron algunhas dúbidas ou momentáneas manifestacións de desconcerto, que foron esmorecendo grazas ao dominio da versión mais segura e gratificante:o imperialismo ianqui era o principal responsábel de todos os problemas, mesmo dos erros que puidesen existir no “campo” amigo.Cando a URSS e os demais Estados do leste de Europa experimentaron a rápida mutación que deu lugar a unha progresiva implantación das principais lóxicas económicas e políticas vixentes na parte occidental do continente, moitas persoas daquela esquerda comunista xurdida no século XX non foron quen de realizar unha análise sistemática da súa propia tradición ideolóxica e preferiron buscar un refuxio confortante no réxime cubano.
A desaparición de Fidel Castro abre algunhas interrogantes sobre o futuro do sistema político cubano.Non cabe descartar que aparezan os “Putin” caribeños que agora son disciplinados membros do aparato do PCC e que mañá actúen como dirixentes de grupos de poder político-económico dispostos a traficar, sen escrúpulos, con mercadorías e persoas invocando o libre mercado e os sagrados beneficios empresariais.Disporá a sociedade cubana das reservas éticas e políticas suficientes para manter as conquistas históricas do proceso revolucionario e superar os erros cometidos nas últimas décadas polos dirixentes do Estado?Eliminará o novo presidente dos USA as medidas de achegamento adoptadas por Obama?
Xesús Veiga