Os numerosos episodios de corrupción rexistrados non foron aproveitados como unha oportunidade para promover prácticas de asunción de responsabilidades por parte das organizacións e persoas afectados. No canto de buscar -e atopar- un espazo autónomo para dilucidar as consecuencias derivadas da falta de ética na xestión dos bens comúns, deixouse nas mans do poder xudicial a resolución de todos os problemas. As sentenzas dos tribunais foron, ao cabo,os únicos criterios operativos para xulgar o labor das persoas que se movían no ámbito do poder lexislativo e do poder executivo.
Se, ademais, medraba no corpo social a convicción do uso partidista dalgunhas instancias do universo xudicial, estabamos ante a consagración dun círculo vicioso que cortocircuitaba a credibilidade do hipotético proceso de rexeneración no seo do sistema democrático.
Calquera avaliación da recente sentenza sobre o chamado caso Urdangarín debe ser realizada no contexto descrito anteriormente. A gravidade dos feitos involucrados neste procedemento xudicial resulta pouco discutíbel:a utilización das prerrogativas e da reputación asociadas a dúas persoas da Casa Real para conseguir recursos públicos de xeito inapropiado debería ter motivado diversas medidas exemplarizantes (eliminación dos direitos dinásticos e de todos os privilexios asociados á posición institucional de Cristina de Borbón e de Iñaqui Urdangarín). Non existiu tal pedagoxía preventiva senon que se trasladou, con insistencia, a lóxica defensiva da presunción de inocencia correspondente ao ámbito xudicial. Todo ficaba pendente, pois, da resolución da Audiencia provincial mallorquina.
E agora, coñecido o veredito do tribunal, suscítase un debate totalmente condicionado polo corsé do “respeto ás decisións da xustiza”. Por moito que se queira disimular, resulta evidente a benevolencia das decisións adoptadas, tendo presente o contido das peticións formuladas polo ministerio fiscal e pola acusación popular. A pesar da pouca dureza exhibida polas xuizas da Audiencia, o caso Urdangarín ficará como un exemplo paradigmático do comportamento das elites españolas nos primeiros anos do século XXI. A cobiza extrema e o sentimento de impunidade invadiron as estancias dos poderes económicos e políticos. Chegaron mesmo á Casa Real, a pesar de recibir un trato xeneroso nos orzamentos estatais. Eran tempos de viño e rosas. Se todos os que podían daban “pelotazos”, por qué non ían facelo os membros da familia Urdangarín?
Xesús Veiga