A derradeira carta

Nos últimos días, Núñez Feijoo desmentiu dúas veces algúns dos seus argumentos preferidos a respeito da política lingüística que pretende desenvolver, demostrando que as receitas deseñada nos laboratorios de San Caetano non garanten sempre a solvencia suficiente para cadrar os círculos retóricos que lle preparan os asesores.Obsesionado por manter a confianza dos sectores que fan apoloxía belixerante dunha España uniforme sen “particularismos idiomáticos”, tivo que recoñecer que a oposición ás “Bases” elaboradas polo seu goberno non procedía só dos nacionalistas galegos senón dunha plural constelación de asociacións políticas, sindicais, cívicas e culturais.Ou sexa:a caricatura dos “extremistas” que se enfrontan ás “centradas e razoábeis” propostas gobernamentais ficaba arruinada nas ondas marciais da COPE. Unhas horas despois, preocupado polos apoios que recibía a convocatoria de folga no ensino non universitario, suxeriu unha confusa retirada parcial e temporal do contido presente nas “Bases”.

Por Xesús Veiga | Santiago | 23/01/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Comprobando que non consigue convencer a quen pretendía colocar na súa caricatura inicial –singularmente á RAG-, Feijoo utiliza a derradeira carta que ten na man:a vitoria electoral do 1-M lexitima, supostamente, todo o que está facendo.Formulemos, poren, algunhas preguntas pertinentes:cómo sabe que todas as persoas que votaron ao PPdG querían un tratamento para o galego semellante ao que agora propón?E aínda que fose así, resulta congruente forzar o cambio da normativa lingüística cando só existiu unha diferenza de 10.000 votos entre o PP e a suma dos apoios recibidos polo PSdG e o BNG?

Núñez Feijoo despreza o feito relevante de que o Plano de Normalización Lingüística do ano 2004 foi aprobado por consenso das tres forzas parlamentarias e non quere recoñecer que o decreto do ano 2007 contou co apoio do PPdG ate o último minuto e só fracasou como consecuencia das presións recibidas dende a rúa Genova.E con semellantes vimbios pretende convencer ao público de que vai rematar coa imposición e recuperar o consenso.A xornada mobilizadora do día 21 certifica que, de non mudar os seus plan, Feijoo non acadará o consenso e imporá o novo decreto por unha aritmética parlamentar equivalente á que permitiu a existencia do anterior.

As organizacións que participaron na demostración cívica do pasado xoves teñen a oportunidade de converter o illamento político no que se atopa o PP nun apoio social maioritario a unha proposta que garanta a presenza activa do galego no ensino.Para iso deberían evitar calquera tentación de protagonismo sectario ou rendabilización partidaria e adoptar como punto de encontro o recente ditame da Real Academia Galega.Por certo:se o presidente da Xunta acredita na opinión da consultora privada KPMG para promover a fusión das Caixas galegas, por qué non aceita a opinión da RAG sobre a política lingüística?

 

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.