Por Xesús Veiga | Santiago | 17/04/2010
Rexistrase, en primeiro lugar, unha controversia de carácter técnico-xurídico focalizada en dous asuntos principais:a utilización correcta ou indebida por parte de Garzón dos mecanismos formais previstos na lexislación vixente e a procedencia ou impertinencia da acusación de prevaricación formulada polo xuíz Luciano Varela.Hai opinións en ambos sentidos e mesmo existe un punto de vista que recoñece o abuso procesal practicado por Garzón e denuncia, ao mesmo tempo, a inconsistencia dos cargos formulados por Varela.
Asistimos, en segundo lugar, a unha confrontación entre aqueles sectores políticos e sociais que reivindican a dignidade da resistencia antifranquista e os segmentos mais comprensivos e/ou identificados coa herdanza do réxime xurdido do golpe militar do 18 de Xullo de 1936.Resucita parcialmente, nestes días, o debate que ocupou o primeiro plano da atención política durante os anos 1976 e 1977.Cunha diferenza significativa:unha parte dos que, naquel momento, aceitaron os limites da reforma acordada entre Adolfo Suarez, Felipe González, Santiago Carrillo e Jordi Pujol solicitan, agora, unha maior ruptura –sequera de carácter simbólico- cos responsábeis da represión practicada pola ditadura que encabezou Franco.
Presenciamos, por último, unha liorta de marcado carácter preelectoral entre PSOE e PP.O partido de Zapatero necesita unha maior mobilización do seu electorado -vítima do desencanto provocado pola crise económica- e busca a máxima visibilización da identificación entre o PP e o franquismo.O PP, en troques, non pode perder ningún voto do sector do electorado que se sinte mais próximo dos valores que representou o réxime anterior.Garzon foi un heroe para Pedro J. Ramirez e Aznar cando abriu os procesos do GAL na década dos 90 e agora disfruta da mesma consideración por parte do Grupo PRISA e de importantes dirixentes socialistas.
Estamos ante un asunto non que non se admiten os matices nin as análises pouco simplistas.Ou defendes incondicionalmente a Garzón ou es sospeitoso de apoiar a Falange e a “Manos Limpias”.Quen coñeza a historia xudicial dos últimos vinte anos sabe que Luciano Varela non é un xuíz franquista.Outra cousa é que resulte admisíbel utilizar unha denuncia presentada por organizacións fascistas para resolver vellos contenciosos persoais ou profisionais con Baltasar Garzón.E moito menos que se formule unha acusación de prevaricación polas prácticas procesais deste último.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting