Por Xesús Veiga | Compostela | 22/05/2017
Na campaña das primarias á Secretaría Xeral do Partido Socialista houbo unha coincidencia entre as tres candidaturas:a moción de censura constitúe unha ferramenta parlamentaria extraordinaria que só debe ser utilizada cando teña posibilidades aritméticas de conseguir o seu obxectivo. Xa que logo, nesa lóxica discursiva, a pretensión do actual terceiro grupo do Congreso sería pouco menos que unha frivolidade destinada a satisfacer os desexos de protagonismo mediático dos seus promotores.Curiosamente, estes dirixentes socialistas pasaron por riba dun dado histórico moi significativo:hai case 40 anos, Felipe González protagonizou unha iniciativa de censura semellante contra o goberno de Adolfo Suárez sabendo que non tiña apoios suficientes para facela prosperar.Daquela, o Partido Socialista presumía de exercer unha oposición seria e responsábel a pesar de que os seus máximos directivos eran coñecedores das conspiracións que existían no seo da xerarquía militar (e cuxa expresión mais perigosa tivo lugar o 23 de Febreiro de 1981).
Qué alternativa está ofrecendo o PSOE para enfrontar o gravísimo descrédito do goberno de Rajoy pola súa evidente implicación na corrupción estrutural do PP? Ademais da petición de comparecencias e da formulación de preguntas, foron presentadas unhas mocións de reprobación do ministro de Xustiza, do fiscal xeral do Estado e do fiscal anti-corrupción.Estas iniciativas saíron aprobadas por unha ampla marxe númerica debido aos apoios recibidos nas bancadas da oposición parlamentar.Certamente, a importancia política do sucedido non debe ser minusvalorada: é a primeira vez que o Congreso censura a un ministro e a dous fiscais de semellante relevancia.
Amparandose na circunstancia xurídica do carácter non vinculante das resolucións aprobadas, os afectados manifestaron a súa decisión de non cumprir a vontade maioritaria emanada do Congreso grazas ao aval que supuxo a explícita declaración de Rajoy favorábel á continuidade dos mesmos.Atopamonos, pois, ante unha situación gravísima:o poder executivo non quere respectar a decisión tomada pola Cámara que representa a soberanía popular nun momento no que se acumulan diversos episodios que cuestionan o adecuado funcionamento do propio sistema democrático.
A pesar de que o Partido Socialista era consciente de que o triunfo destas reprobacións non ía provocar o inmediato cese dos afectados polas mesmas, levou adiante esas inciativas para colocar ao PP ante a evidencia da súa real debilidade política. Por qué non aplica o mesmo criterio e presenta unha moción de censura nos vindeiros días? Non estamos ante unha situación de emerxencia democrática? Non resulta imprescindíbel conectar coa indignación que habita nunha parte significativa da cidadanía e demostrarlle que hai vimbios para construír unha alternativa ao PP?
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting