Por Xesús Veiga | Santiago | 10/05/2010
Colocadas nesa lóxica, resulta congruente buscar a identificación entre as tres forzas políticas do Parlamento galego (PP,PSdG e BNG) e as candidaturas presentadas no actual proceso de elección ao Reitorado da USC.Poren, tal pretensión non acadaría unha conclusión práctica satisfactoria por canto foi notoria a presenza de membros do PP e do Partido Socialista en varias das sete candidaturas que veñen de concorrer o pasado día 5 e tamén se constatou a sorprendente decisión tomada polo sector maioritario dos CAF –ubicado nas mesmas coordenadas políticas que o actual segmento hexemónico da dirección executiva do BNG- de non apoiar a equipa encabezada por Lourenzo Fernández Prieto a pesar da coñecida militancia deste profesor no nacionalismo organizado.
Antes e agora, o mapa electoral da Universidade non é unha reprodución mimética do panorama político xeral do País por mais que se podan constatar correntes de pensamento e valores culturais concomitantes coas tradicións políticas que representan PP, PSOE e BNG.Existen outros factores vinculados ás específicas dinámicas académicas e profesionais que determinan nunha grande medida os agrupamentos e os apoios que se rexistran nas citas electorais universitarias.Por iso, non sería acertado considerar o período no que Ramón Villares foi Reitor da USC (1990-1994) como expresión dunha suposta hexemonía do nacionalismo nas aulas universitarias daquel momento aínda que tampouco se poda ignorar que aquela circunstancia –a primeira presenza dun nacionalista na pazo de San Xerome- tivo consecuencias destacadas no maior compromiso da institución académica coa lingua e coa cultura do noso País.
Hoxe, a Universidade que agrupa os campus de Santiago e Lugo enfrontase a vellos e novos problemas cunha paisaxe humana –no profesorado e no alumnado- que non posúe as mesmas características de hai vinte anos.A elección entre os catedráticos Casares e Fernández Prieto ofrece unha realidade inédita nas últimas décadas:a corrente que hexemonizou o poder universitario durante estes anos –a Plataforma Universitaria Progresista (PUP)- non aparece como alternativa electoral debido á perda de apoio das dúas candidaturas que recollían a súa herdanza.O vindeiro día 24 oficializarase, pois, un cambio de ciclo na USC.Falta por saber cal será o sentido da nova ruta e que nivel de compromiso adquire a comunidade universitaria na presente encrucillada.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting