Por Rafael Cuiña | Lalín | 11/05/2010
Existen evidentemente almas atormentadas polo soño, convertido en pesadelo para eles, da existencia de realidades diferenciadas dentro do Estado, que de xeito enfermizo néganse a ver que o que é complementario, non ten porque ser necesariamente excluínte. Todo isto non é, nin máis nin menos que unha “caza de bruxas”, versión hispánica, que algún emprenderon contra o título VIII da Constitución, acusando a todos aqueles que consideramos o Estado Autonómico como un ben necesario cara futuras realidades autoidentificadoras, como “relativistas” perigosos, cuxas teses proveñen de universos nacionalistas de cariz independentista, dispostos a ser os buracos negros dun centralismo institucional, máis propio de mentes nostálxicas de réximes dictatoriais de infausto recordo.
O Estado das Autonomías o consideran unha “arcadia” feliz, e tóxico por disolvente, para todos aqueles que queremos que o que nos diferencia dos demais sexa posto de relevo pola nosa sociedade, como punto de partida das nosas potencialidades como país, no que a nosa cultura ten que ser o vórtice que esnaquice esas mentalidades negacionistas, demostrando que Galicia é moito máis que unha rexión periférica historicamente marxinada polo poder central. Por iso é necesario neste momento a claridade de ideas, a autenticidade de conceptos, e a firmeza de compromiso cunha terra, na que temos claro que como non rememos nós, non o van facer todos aqueles “illuminatti” que gustaríalles poñer a algúns galeguistas colgados –politicamente falando- ao máis puro estilo da caveira de Cromwell nos tempos do rei británico Carlos II.
Claro que sempre queda o recurso, de afirmar que non deixa de ser unha mostra de ignorancia centralista, do mesmo espírito daquel pobre rapaz xogador de baloncesto americano, que para impresionar a unha rapaza, pediulle ao pianista que tocase “unha de Pablo Picasso”...
Ou non?
© GC 2024 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting