E xira a noria

Un síntese ás veces coma un deses burros –e son plenamente consciente do que estou a dicir, para satisfacción dos sectores máis ultras- que pasan o día empurrando a nora, nunha camiñada interminable, que sempre volve ao mesmo punto de partida.

Por Rafael Cuiña | Lalin | 22/05/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Debo recoñecer que onte cando chegaron as primeiras informacións sobre a eliminación da consulta aos pais, levei unha alegría, e felicitei tanto ao Conselleiro de Educación como ao secretario xeral de política lingüística, cos que coincidín nun homenaxe ao gran pintor lalinense Antón Lamazares, pola aceptación neste eido da resolución do Consello Consultivo de Galicia por parte do goberno galego. Hoxe, tras analizar polo miúdo este acordo final –aínda recorrible-, quixera matizar algunhas cousas.

Se ben o avance é significativo, penso que non é suficiente. Considero modestamente que a busca do equilibrio entre as dúas linguas oficiais é xusto, mais por enésima vez reitero que existe un idioma que parte dunha clarísima posición de desvantaxe, co cal a única solución para chegares ao devandito equilibrio no chamado “bilingüismo harmónico”, non é outra que a discriminación positiva da lingua nai desta terra, que non é outra do galego. Non estou falando de inmersión; nun país no que os estudios estatísticos falan da perda dende o ano 2003 do 13% de galegofalantes, temos un problema evidente que só non o ve o que agocha a cabeza coa mesma táctica do avestruz, para non recoñecer a evidencia.

Claro que son significativos os bramidos contra o Presidente Feijoo, dos impositores do castelán liderados por “Xoana de Arco”, por non aceptar unhas teses coas que eles consideran –erroneamente- que lle deron a Xunta aos populares. O goberno galego deulle as costas a eses impostores-impositores, o cal non é suficiente para contentar a todas as partes en conflicto. Porque o que leva trampa, sen dúbida, é a posibilidade de elección por parte dos pais na etapa de infantil, nun momento clave do desenvolvemento intelectual dos nenos, e o anuncio da reforma lexislativa para poderen ser posible a maldita consulta no futuro, tamén en primaria e secundaria.

 O que si me consta é a vontade do goberno galego de acadar un pacto pola lingua, mais este para poder poñer uns piares sólidos ten que partir dunha suspensión, cando non retirada, do decreto aprobado no último Consello da Xunta, e un tenor de declaracións diferentes tanto do portavoz do Partido Popular, Rodriguez Miranda, insistindo de xeito pouco afortunado na teima da imposición, discurso afastado da posibilidade de calquera consenso, como dunha maior predisposición ao necesario diálogo por parte da oposición.

E como observo a algunha xente un pouco obsesionada coa militancia deste modesto columnista, dicir que na defensa do galego no único  partido que milito e naquel no que non se me poida considerar nin por asomo un traidor á nosa cultura.

Ou non?

Rafael Cuiña