Camiñar e mascar chicle

Cando lle escoitei ao presidente Núñez Feijoo afirmar que a eventual reforma do actual Estatuto de Autonomía non se debería acometer mentres non se rexistrara un punto de inflexión na crise económica pola que atravesamos, lembreime daquelas opinións publicadas que lle atribuían aos ex-presidentes norteamericanos Gerald Ford e Ronald Reagan unha común incapacidade para camiñar e mascar “chicle” ao mesmo tempo.

Por Xesús Veiga | Santiago | 03/07/2010

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us

Constatemos que, por unha vez, o máximo líder do PPdG aceita que non é o grande xestor de eficacia asegurada que figura en case todas as biografías realmente existentes.Recoñece que non pode –e,ademais, non quere- promover un novo Estatuto e, simultaneamente, atacar o devalo económico.

Semellante posición política contén dúas proposicións implícitas que ofrecen suxerentes reflexións.A primeira: Alberto Núñez non lle outorga importancia política e/ou económica a un cambio estatutario que mellore a calidade do autogoberno.E a segunda:o presidente considera que está actuando coa máxima eficiencia no combate dos graves problemas económicos que padece a maioría da sociedade galega.

Se asumiramos a lóxica da argumentación presidencial teriamos que agardar seguramente unha década para elaborar o novo Estatuto.As predición dos analistas económicos mais serios non permiten manexar horizontes temporais mais próximos.Reparemos no paradoxo:o mesmo dirixente político que se atreveu a prometer que en 45 días de goberno ía deter o avance da doenza económica pídenos que teñamos mais paciencia que o famoso santo e practiquemos unha rigorosa e austera abstinencia estatutaria mentres non se recuperan os índices macroeconómicos e rematan cos malestares dos milleiros de universos microsociais.

Sorprendentemente, o presidente Feijoo tardou poucas horas en navegar polo pantano que supostamente quería evitar.Se Estatuto e crise eran realidades incompatíbeis, por qué lle dedicou minutos do seu precioso tempo a intentar demostrar a inutilidade do uso do termo nación no limiar do Estatuto ou por qué nos anunciou futuras entrevistas cos dirixentes do PSdG e do BNG, alterando a dedicación completa da súa “Superaxenda Anticrise”?

Para quen gustan de aplicar na política os criterios de selección de persoal que rexen en moitas empresas privadas, xa saben o que debe aparecer na vindeira “oferta laboral” para a presidencia da Xunta:buscase persoa con capacidade para resolver, ao mesmo tempo, un mínimo de dúas tarefas de complexidade manifesta.

Xesús Veiga



Xesús Veiga Buxán

Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.