Cando Feijoo abandone Montepío -previsibelmente no 2020- o mapa financeiro do País que presidíu durante case 12 anos terá mudado radicalmente.Onde había Caixas de Aforro que posuían unha forte incidencia no financiamento de proxectos produtivos deseñados na Galiza e dispuñan dun volume importante de recursos -a chamada Obra social- para complementar as dotacións públicas nas áreas de benestar e cultura, existe agora unha entidade privada -adquirida a un prezo moi baixo- que obtén atractivos beneficios e que non está obrigada a contributos sociais específicos.E o banco promovido por Pedro Barrié de la Maza certifica a súa defunción absorbido pola empresa creada pola familia Botín.A conclusión non pode ser mais contundente: nos oito últimos anos deslocalizouse por completo o centro decisional dos grupos galegos con maior presenza no mercado financeiro galego.
Certamente, non se pode atribuír aos gobernos de Fraga e de Feijoo (e moito menos ao bipartito presidido por Touriño) a responsabilidade exclusiva desta desfeita.Os diretivos das Caixas (Méndez e Gayoso) e os executivos do banco residenciado na Coruña tiveron unha relevante porcentaxe de culpa na dinámica destrutiva dunhas entidades que contaban cun elevado nivel de confianza entre os aforradores galegos.As instancias supervisoras -nomeadamente o Banco de España- completaron o tríptico dos causantes desta perda irreparábel. Obsérvense os últimos datos coñecidos:a CNMV non quixo suspender a cotización das accións do Popular cando a dinámica especulativa presente na Bolsa resultaba mais que evidente; diversas entidades públicas (Seguridade Social, algunhas Comunidades Autónomas e concellos) retiraron os seus depósitos do banco contribuíndo ao clima de pánico imperante; o Banco Central Europeo non facilitou liquidez á entidade -a diferenza do que sucedeu noutros casos- provocando a inevitabilidade da intervención final...
As equipas gobernamentais de San Caetano e da Moncloa forman parte desa caste de fundamentalistas que invocando o deus laico do mercado negan calquera posibilidade de existencia dunha banca pública. Novagaliciabanco foi privatizada sen razóns convincentes mentres Bankia seguía nas mans do FROB. E, agora, o ministro Guindos non quixo xogar a carta dunha posíbel nacionalización do Popular-Pastor mediante a intervención de Bankia como grupo comprador. O dogmatismo privatizador ten estas consecuencias: prefiren afortalar unha crecente oligopolización do sector bancario que penaliza seriamente aos usuarios destes servizos financeiros e non teñen reparos en propiciar unha operación que pode uns graves custes laborais. Menos competencia, menos emprego e perda dos investimentos dos pequenos accionistas. As perguntas son pertinentes: para qué serve unha maioría absoluta reiterada do PPdG? Cántos votantes deste partido saen gañando con esta traxectoria financeira? Mais aínda: pode garantir Feijoo que os actuais propietarios de Abanca non van optar por unha venda futura desa entidade a outro dos xigantes do sector?
Xesús Veiga