Si non houbera posicións en disputa non habería confrontación e si as razóns do peche do Monte Caxado foran de moito calado atopariámonos diante dun artificio de loita de moi difícil xustificación por parte d@s que defendemos a continuidade da actividade no citado centro.
Así comeza o conflito, cunha agresión. A loita é unha resposta defensiva e democrática.
É un recorte mais, vestido de aforro, enxurado nunca vella tremoia que,coma sempre tratan de poñer por enriba do sentido común con pseudoargumentos educativos dos decididores, misturados coa mesma ideoloxía de calquera das reformas que nos levaron o ceacú social.
Hai conflito pola forma e polo fondo. No primeiro dos casos, quen toma a decisión política o fai con nocturnidade e malas artes. Aproveitase o remate do curso e o período de lecer para tomar unha medida sin aviso e sen negociación, disque, para non causar estres no remate das clases, o alumnado. O carallo é, que coa súa decisión, estres non vai faltar, porqué dobrar polas boas non vai ser doado, nin para eles nin para nós.
Gobernar é un exercicio de responsabilidade. A imposición sen mais, é todo o contrario. A participación na vida política non consiste só en votar cada 4 anos por moito que traten de confundirnos. A democracia non ten patentes nin propiedade privada. O pobo é seu destinatario e polo tanto quen toma as decisións. Calquera medida gobernativa pode e debe ser informada, debatida e logo comprendida ou protestada. A delegación representativa non é permanente nin unha carta en branco.
Na análise do conflito temos que ter en conta que estamos diante dunha primeira fase. Tratase de impoñer unha linguaxe conceptual.Por iso a Consellería fala dunha reordenación, dun traslado , non de peche. De sempre, este é, o primeiro asunto da liorta en calquera conflito. Reforma é unha verba moi de moda na actualidade. Agacha moitas das veces unha política de derrube e retroceso nos dereitos sociais e laborais. Probas dabondo temos para saber que a decisión tomada no Goberno Galego no vai ser variada con declaracións e prácticas instaladas no "boísmo".
Lexitimada a necesidade de pechar o Colexio a mobilización e a loita ficaran deslexitimadas. Por iso @s quen di que a loita é unha perda de esforzos e de tempo , son aliad@s de feito, dos que queren pechar o Monte Caxado.
É moi importante consolidar e socializar a idea da arbitrariedade no peche e que estamos diante dun ensaio para unha sistematización da reordenación no ensino público. Illar o conflito no localismo sería un erro. A plataforma galega para a defensa do ensino público é unha boa ferramenta para paralizar a medida e logo elixir unha negociación a nivel Galego.
Si dimensionamos ben o conflito non deberíamos caer nos erros clásicos: infravalorar o contrario , deixar a iniciativa, verticalizar as decisións, hexemonizar de feito a representación de quen loita, aprofundar no apoliticismo e na neutralidade social, non estar preparado para os revés nin para unha axenda mais aló do cortoplacismo.
Fronte a imposición do peche (obxectivo da Consellería) sería bo unha mesa de negociación que é a saída lóxica nun conflito desta natureza, onde fica claro que As Pontes está disposto a negociar previa retirada da decisión. E namentras a Consellería, dando couces nos asuntos colaterais como horarios, transporte,etc...,pero sin baixarse do cabalo.
Fermín Paz