Por Xesús Veiga | Santiago | 23/08/2010
A ningún responsábel gobernamental lle resulta cómodo que lle lembren o seu comportamento na oposición cando está xestionando o mesmo problema dende as cadeiras do poder executivo.Moito mais se, como é o caso, as doses de demagoxia e de cálculo electoral empregadas sobordaron os limites que cabía esperar dos dirixentes dun partido que non fora capaz de reducir substantivamente a praga dos incendios forestais no amplo período (1990-2005) no que administrou o goberno da Xunta con maioría absoluta.
Aquela frase na que Alberto Núñez culpabilizaba das mortes de Agosto de 2006 ao bipartito ou o pintoresco posado do líder da oposición coa mangueira doméstica non desaparecerán da nosa memoria aínda que algúns poderosos medios de comunicación autóctonos teñan decretado a súa particular amnesia informativa sobre ese pasado recente.
Sexa cal sexa o balance final deste complicado verán meteorolóxico, hai algo no que as forzas políticas da actual oposición parlamentaria están gañando con contundencia.Agora si se está practicando unha crítica construtiva e responsábel.Neste sentido, a comparación co sucedido no ano 2006 marca unha diferenza que debería merecer un recoñecemento explícito por parte do actual Executivo.A solemnidade do Parlamento é un marco adecuado para que o presidente da Xunta pida desculpas polas frivolidades políticas cometidas naquel tráxico verán.
Desgraciadamente, os incendios forestais vannos acompañar durante varias lexislaturas, con este e con futuros gobernos.Tense dito moitas veces:estamos ante un problema estrutural que conecta coa morte dunha boa parte do mundo rural e da cultura comunitaria asociada a esa realidade.O paso do tempo está revalorizando a opción estratéxica tomada polo departamento que dirixía Alfredo Suárez Canal.Cos erros e deficiencias detectados na dura aprendizaxe do 2006, as liñas adoptadas para revalorizar o monte e incrementar o labor preventivo ficarán nun lugar destacado nesas hemerotecas que, afortunadamente, arden mal.
Xesús Veiga
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting